Belén do Campo felicita a AFACO pola organización do congreso para conmemorar o seu 30 aniversario que se celebrará na Coruña o 27 e 28 de novembro e anima aos interesados a participar

No encontro a delegada coñeceu de primeira man os seus proxectos máis inmediatos e trasladou o compromiso da Xunta de manter as vías de colaboración con esta entidade

A delegada da Xunta destacou que a colaboración entre administracións e entidades sociais é fundamental para garantir unha atención de calidade ás persoas maiores e con demencia

A Coruña, 7 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro con responsables da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO), co obxectivo de coñecer de primeira man os seus proxectos máis inmediatos e para reforzar as vías de colaboración que a entidade mantén coa Administración autonómica.

Durante o encontro lembraron que o 7 de decembro de 1995 nacía na Coruña esta asociación para tratar de avanzar no estudo e tratamento desta enfermidade, atender a quen a padece, e prestar apoio e asistencia aos familiares e coidadores.

No 2025, cumpriron 30 en funcionamento, e para celebralo levaron a cabo diferentes iniciativas ao longo de todo o ano. Neste senso, a delegada felicitou aos seus representantes pola organización do Congreso que contará con expertos de primeiro nivel en materia de alzheimer e que se centrará en todos os aspectos da enfermidade e sobre a necesidade dunha atención integral , baixo o lema 30 anos de memoria e esperanza: avances e desafíos no Alzheimer, que se celebrará o 27 e 28 de novembro na Coruña. No encontro abordaranse temas como o diagnóstico, tratamentos farmacolóxicos, programas preventivos e boas prácticas en atención con persoas con demencia, entre outros. Neste senso, a Xunta tamén contribúe coa organización para a  celebración deste congreso.

Belén do Campo animou a alumnos, profesionais vinculados a esta materia así como a pacientes e familiares a participar neste Congreso xa que aínda quedan prazas libres na web: https://afaco.es/afaco-cumple-30-anos/

Apoio Xunta

Durante a reunión, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Consellería de Política Social e Igualdade co traballo que desenvolve AFACO, subliñando as distintas liñas de apoio que a Xunta mantén activas para mellorar a atención ás persoas con alzheimer e as súas familias.

Neste sentido, a Xunta financia actualmente ata 15 prazas de atención diúrna e ata 20 de transporte no centro de día especializado da entidade, cunha achega de case 162.000 euros. AFACO tamén xestiona o centro de día da rúa Salvador de Madariaga (A Coruña), nun inmoble de 418 m² cedido pola Xunta de Galicia en virtude dun convenio. Ademais, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero contan cunha aportación de máis de 53.000 euros para financiar a contratación de dúas xerocultoras.

Así mesmo, a asociación dispón dun espazo no edificio Amizar destinado a usos sociais e sanitarios renovado recentemente por 4 anos.

A delegada puxo en valor a misión de AFACO, que desde hai máis de tres décadas traballa para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por alzheimer e das súas familias, mediante unha atención integral, personalizada e de calidade contrastada

Belén do Campo concluíu agradecendo o esforzo e a dedicación de AFACO, destacando que “a colaboración entre administracións e entidades sociais é fundamental para garantir unha atención de calidade ás persoas maiores e con demencia, así como para apoiar as familias que conviven con esta enfermidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2025