Medio Rural activa o instrumento financeiro para o agro con préstamos que poderán mobilizar máis de 60 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula unha ferramenta concibida para dotar de liquidez ao sector agrario, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027

Este mecanismo, dotado cun orzamento de 6 M€, pon a disposición do destinatario final a garantía para subscribir préstamos en condicións vantaxosas de financiamento, facilitando o acceso ao crédito de proxectos financeiramente viables

Apoiaranse os investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático, así como aqueles destinados á modernización e/ou mellora de explotacións agrarias

O procedemento de recoñecemento ao dereito a préstamos garantidos tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, polo que se atenderán as solicitudes segundo orde de chegada, ata cando haxa orzamento dispoñible

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula o instrumento financeiro para dotar de liquidez ao sector agrario galego. Así, a través desta norma recoñécese o dereito a préstamos de financiamento de investimentos e capital circulante no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027. Este instrumento conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, unha contía que permitirá financiar préstamos por un volume potencial total de case 60 millóns de euros.

Este é un mecanismo que pon a disposición do destinatario final a garantía para subscribir préstamos en condicións vantaxosas de financiamento, facilitando o acceso ao crédito de proxectos financeiramente viables, e deseñado para optimizar a administración e distribución dos fondos destinados á agricultura e ao desenvolvemento rural.

Desta forma, por un lago habilítase este instrumento para as intervencións vencelladas aos investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal; por outra parte, a ferramenta está tamén concibida para os investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias.

Mitigación ou adaptación ao cambio climático

No que atinxe ao primeiro caso, os importes dos préstamos oscilarán entre un mínimo de 30.000 euros e un máximo de 250.000 euros por beneficiario. A liña conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e con ela poderán financiarse accións de mitigación ou adaptación ao cambio climático; investimentos para a xestión dos recursos auga, solo e aire;  accións de mellora da eficiencia enerxética e produción de enerxías verdes e aqueles investimentos relacionados co benestar animal e a implementación de medidas de bioseguridade nas explotacións agrarias.

 

No segundo caso, referido á modernización e ou mellora de explotacións, os importes mínimos dos préstamos oscilarán entre os 15.000 euros para capital circulante e os 30.000 euros para investimentos, mentres que os importes máximos serán de 30.000 euros para circulante e de ata medio millón de euros para investimentos por beneficiario. Esta liña está dotada dun orzamento total de 4,29 millóns de euros. Deste xeito, poderán apoiarse os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións. Entre eles, a reforma de instalacións, a compra de maquinaria ou a plantación e mellora de cultivos leñosos.

Concorrencia non competitiva

Tal e como establece a orde, o procedemento de recoñecemento ao dereito a préstamos garantidos tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. É dicir, atenderanse as solicitudes segundo orde de chegada, ata cando haxa orzamento dispoñible. Para a formalización do préstamo, o interesado deberá presentar, na entidade financeira adherida, a resolución do recoñecemento do dereito a recibilo. Todos os préstamos levan unha bonificación de xuros de tres puntos porcentuais durante os tres primeiros anos.

Este mecanismo mellorará a orientación do mercado e aumentará a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización.

Ademais, contribuirá á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, a través da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como coa promoción da enerxía sostible. Por último, promoverá o desenvolvemento sostible e a xestión eficiente de recursos naturais como a auga, o chan e o aire, por exemplo, reducindo a dependencia química.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251007/AnuncioG0426-250925-0003_gl.html.

Data de actualización: 07/10/2025