Medio Rural insiste en Bruxelas no rexeitamento de Galicia á nova proposta da PAC da Comisión Europea
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, asistiu hoxe na capital comunitaria á 18 Conferencia de Directores de Organismos Pagadores e Organismos de Coordinación da Política Agraria Común
Durante a xornada abordouse a proposta do Novo Marco Financeiro Plurianual, os ecorreximes ou as comprobacións da loita contra a fraude, entre outros asuntos
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
A Xunta insistiu hoxe en Bruxelas no rexeitamento unánime de Galicia ao regulamento da nova Política Agraria Común presentado pola Comisión Europea, xa que supón unha redución de fondos para a nosa comunidade e define unha arquitectura baseada nun fondo único para os estados membros que non blinda todas as medidas da PAC. O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, asistiu na capital comunitaria á 18 Conferencia de Directores de Organismos Pagadores e Organismos de Coordinación, que agrupa a todas as rexións dos países membros.
Neste contexto, Cerviño remarcou que a Xunta instou xa en varias ocasións ao Goberno central a defender con intensidade, no proceso negociador aberto agora nas instancias comunitarias, a corrección da orientación inicial desa proposta, antes de concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032. Así, Galicia vén advertindo -co consenso do sector e das demais comunidades autónomas- que o documento presentado pola Comisión supón o desmantelamento do modelo actual da PAC, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, fomentar o desenvolvemento rural.
Neste sentido, o director xeral insistiu en denunciar o severo recorte de fondos da nova proposta, de ata un 20 % respecto á presente PAC, xunto cun incremento da porcentaxe de cofinanciación, algo que suporá para Galicia un impacto negativo dun 25 % en relación coa situación actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais.
Asemade, Cerviño lamentou que a Comisión xere incerteza xurídica no sector e que o texto proposto mesmo poida supoñer unha subida dos prezos dos alimentos polo incremento dos custos de produción e venda, que non serán compensados suficientemente a través da PAC e que acabarán sendo repercutidos ao mercado, co consecuente incremento dos prezos ao consumidor.
Durante a xornada abordouse a proposta do Novo Marco Financeiro Plurianual, os ecorreximes ou as comprobacións da loita contra a fraude, entre outros asuntos.