María José Gómez enxalza a Escola de Pastores como exemplo da aposta pola formación da rama agraria e o impulso á remuda xeracional

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe Gandaría Salvaterra, unha das explotacións colaboradoras na formación práctica desta iniciativa

Esta primeira edición conta con 25 alumnos e alumnas, seleccionados entre 44 persoas interesadas, o que evidencia a boa acollida deste proxecto

O programa combina 250 horas de formación teórica, que permiten obter a titulación oficial de Aptitude Empresarial Agraria, con 320 horas de formación práctica en explotacións gandeiras da man de profesionais do sector

A Pontenova (Lugo), 21 de xullo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, enxalzou hoxe a Escola de Pastores como exemplo do compromiso do Goberno autonómico pola formación da rama agraria e o impulso á remuda xeracional. Fíxoo durante a súa visita á Gandaría Salvaterra, no concello lucense da Pontenova, unha das explotacións colaboradas nesta iniciativa.

Acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, Gómez puxo en valor a boa acollida desta primeira edición, que conta con 25 alumnos e alumnas seleccionado entre 44 persoas solicitantes. Este dato, segundo sinalou a conselleira, amosa o crecente interese pola incorporación ao sector cando se ofrecen oportunidades de formación especializada, práctica e adaptada ás necesidades reais das explotacións.

Neste sentido, María José Gómez salientou que a Escola de Pastores enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por reforzar a formación agraria como ferramenta para facilitar a incorporación de novos profesionais e mellorar a competitividade das explotacións, ao tempo que se favorece a profesionalización nun sector estratéxico para a comunidade.  

A conselleira lembrou que esta iniciativa se desenvolve en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), responsable da coordinación da formación práctica nas explotacións, e conta tamén co apoio da Fundación La Caixa e do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Plan combinado de formación teórica e práctica

A Escola de Pastores combina unha formación teórica de 250 horas, centrada no Curso de Aptitude Empresarial Agraria especializado en ovino e caprino, cunha fase práctica de 320 horas, que se desenvolve directamente en explotacións gandeiras.

O Curso de Aptitude Empresarial Agraria permite obter unha titulación oficial habilitante, que faculta para traballar por conta allea en explotacións agrarias, desenvolver unha actividade por conta propia e acceder ás axudas de incorporación á actividade agraria, facilitando así o inicio de novos proxectos profesionais no sector.

Xornada de manexo de gando

Durante a xornada celebrada hoxe, o alumnado participou nunha demostración de manexo de gando cabrún mediante valado virtual, unha tecnoloxía que permite delimitar as zonas de pastoreo e conducir os animais sen necesidade de peches físicos, favorecendo unha xestión máis eficiente das explotacións.

A formación continuará o vindeiro 31 de xullo cunha nova sesión práctica dedicada ao manexo de gando con cans de pastoreo, na que os alumnos coñecerán técnicas de adestramento e aplicación desta ferramenta tradicional, que continúa sendo de grande utilidade na gandaría extensiva.

María José Gómez destacou que a mellor forma de aprender este oficio é facelo ao carón de quen o exerce cada día, polo que a formación práctica constitúe un dos piares fundamentais desta Escola de Pastores. Nesta liña, salientou tamén o labor do equipo docente, integrado por profesores, profesionais e especialistas cunha ampla experiencia nos diferentes ámbitos do sector, que imparten aquelas materias nas que desenvolven a súa actividade profesional. Deste xeito, o alumnado recibe unha formación baseada tanto no coñecemento técnico como na experiencia práctica, plenamente conectada coa realidade das explotacións gandeiras.

Formación, transferencia de coñecemento e futuro para o rural

Por outra banda, subliñou que a Escola de Pastores representa a conexión da  investigación, formación, transferencia de coñecemento e incorporación de novos profesionais, para converter o coñecemento en capacidade profesional e en oportunidades de futuro para o rural galego.

Finalmente, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coa formación como ferramenta estratéxica para fortalecer o sector primario, favorecer a incorporación de persoas mozas e impulsar unha gandaría cada vez máis profesional, competitiva, innovadora e sustentable.

Gandaría Salvaterra

María José Gómez agradeceu tamén a colaboración de Gandaría Salvaterra, que participa na formación práctica do alumnado e se ten consolidado como unha explotación de referencia pola aplicación de modelos innovadores de gandaría extensiva, manexo rexenerativo, gandaría multiespecie e conservación de razas autóctonas.

Con arredor de 380 cabezas de gando cabrún, ovino, vacún e cabalar, esta explotación exemplifica como a innovación, a transferencia de coñecemento e a sustentabilidade poden ir da man para construír unha gandaría máis competitiva e preparada para os retos do futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2026