Lorenzana reúnese co director da Axencia Espacial Española para darlle a coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e explorar novas vías de apoio ao sector

A conselleira de Economía e Industria pon en valor que a cooperación institucional constitúe unha panca fundamental para o impulso do sector

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia co director da Axencia Espacial Española (AEE), Juan Carlos Cortés, ao que lle deu a coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta de Galicia e convidouno a explorar novas vías de colaboración para continuar apoiando estes sectores.

A conselleira destacou as capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galegos e sinalou que os programas e proxectos da axencia, como o Programa Tecnolóxico Espacial (PTE), constitúen pancas fundamentais para o desenvolvemento deste sector. Neste sentido, Lorenzana lembrou que a día de hoxe os sectores do aeroespazo, a seguridade e a defensa representan unha oportunidade para o crecemento de calquera rexión europea e puxo en valor que a cooperación institucional é un elemento fundamental para continuar impulsando a competitividade do ecosistema galego. 

Diálogo coa industria

A estratexia en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que acaba de pechar un proceso de diálogo aberto coa industria co obxectivo de coñecer as súas necesidades a curto, medio e longo prazo para aliñar os instrumentos de investimento da Iniciativa coas necesidades das empresas, ten previsto un investimento de 183 M€ a través do que mobilizar ata 900 M€ coa colaboración doutras entidades públicas e do sector privado.

A Iniciativa avanza coa próxima convocatoria de reunións, grupos de traballo e mesas sectoriais coas empresas que participaron no diálogo estratéxico.

Data de actualización: 09/10/2025