Galicia logra unha fábrica europea de intelixencia artificial cun orzamento de 82 M€ que acelerará a investigación e a innovación no ambito da saúde

O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, e a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, celebran como un fito histórico a concesión ao Cesga deste proxecto

Esta factoría, solicitada pola Xunta e o CSIC, é unha das seis novas que se veñen de conceder en Europa, e das que só existía unha en España e 13 en todo o continente

“É un importantísimo proxecto, que vincula as áreas da biotecnoloxía e a intelixencia artificial e que nos sitúa na elite neste ámbito en Europa”, afirma Román Rodríguez

Felicita ao equipo do Cesga e agradece a participación do CSIC, a implicación dos ministerios de Ciencia e de Transformación Dixital e o apoio de máis de 60 entidades Galicia logra captar 65 M€ para o seu sistema de investigación e innovación (41 de fondos europeos e 24 estatais) que completará con 17 M€ de fondos propios

A iniciativa inclúe a adquisición de infraestruturas de supercomputación avanzadas e unha plataforma experimental de IA optimizada

A fábrica de IA permitirá impulsar a creación e fortalecemento de startups, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) vén de conseguir unha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial que estará centrada no ámbito da saúde e contará cun investimento de 82 M€. Así o notificou hoxe a Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), unha iniciativa conxunta entre a UE, distintos países e socios privados ante a que a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentaron en xuño unha candidatura para acoller unha infraestrutura desta tipoloxía.

Actualmente hai un total de 13 factorías con sede en 12 países (Alemaña, Austria, Bulgaria, Eslovenia, España, en Barcelona; Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Luxemburgo, Polonia e Suecia), ás que se suman agora as novas seis fábricas que veñen de concederse en todo o continente, unha delas en Galicia. A concesión deste proxecto ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) supón que Alemaña, España e Polonia sexan os tres únicos países que contan con dúas fábricas de IA no seu territorio, algo que sitúa a Galicia nunha posición relevante no eido das tecnoloxías profundas e biotecnoloxía.

Esta fábrica de IA estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI. Grazas a ela, adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestaranse servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.

A Comunidade galega logra captar 65 millóns de euros para o seu sistema de investigación e innovación (41 de fondos europeos e 24 estatais) que a Xunta completará con outros 17 millóns de euros de fondos propios. Esta capacidade de captación evidencia, en opinión do conselleiro, o posicionamento e a forza dunha I+G+i cada vez máis relevante.

O apoio doutras institucións

A factoría de intelixencia artificial galega, liderada polo Cesga e coliderada polo CSIC, conta coa participación e firme compromiso de socios clave, incluíndo as tres universidades públicas galegas e varios dos seus centros de investigación da Rede CIGUS, así como o Hub Europeo de Innovación Dixital DATAlife e o centro tecnolóxico Gradiant, entre outros axentes do sistema de I+D+i galego. Cómpre lembrar que o Cesga é unha fundación participada ao 70% pola Xunta de Galicia e ao 30% polo CSIC.

Esta iniciativa está impulsada e respaldada pola Xunta como parte do seu compromiso coa ciencia, a innovación e o avance tecnolóxico. Así, a inicios de ano o Goberno galego presentoulles a proposta desta factoría ao CSIC e aos ministerios de Ciencia, Innovación e Universidades e de Transformación Dixital e da Función Pública en diversas reunións mantidas en Madrid polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Logo da resolución positiva desta liña, Román Rodríguez felicita ao Cesga polo seu excelente traballo e agradece ás tres institucións a súa implicación decisiva como exemplo de colaboración entre administracións para obter o proxecto e o financiamento para desenvolvelo.

Na elite de Europa

Neste sentido, o conselleiro celebra a consecución deste “fito histórico, un proxecto insignia que vincula as áreas da biotecnoloxía e a intelixencia artificial e que nos sitúa na elite neste ámbito en Europa”. Destaca tamén o “potencial galego nestes ámbitos, dúas liñas que son estratéxicas no Plan galego de investigación e innovación 2025-27”. De feito, con este resultado, dáse cumprimento a un dos obxectivos do Plan no que se inclúen as factorías de IA como medio para establecer ecosistemas interconectados e dinámicos que estimulen a colaboración, impulsen o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación nestas materias, acelerando a súa aplicación en sectores clave.

Ademais, “a fábrica de IA -sinala o conselleiro- é mostra do importante traballo que desenvolve o Cesga”. De feito, o Goberno galego traballa na construción dunha nova sede do Cesga, no polígono da Sionlla, para ampliar as súas capacidades e posicionar Galicia como un referente internacional. Cun investimento de 56 M€ cofinanciados a través de fondos europeos no marco do PERTE Chip e de fondos propios da Xunta, e coa previsión de comezar a súa construción este mesmo mes, a nova sede do Cesga albergará a fábrica de IA, que amplifica aínda máis este ambicioso proxecto.

Pola súa parte, a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, destaca que o CSIC “reforza as súas capacidades no desenvolvemento de servizos científicos de alto valor engadido, aproveitando ao máximo o ecosistema científico de datos xerado pola institución”. “Como a maior institución de investigación de España, presente en todas as áreas da ciencia, a nosa participación ten un impacto que se estende por todo o territorio nacional, complementando de forma esencial o ecosistema galego”, afirma.

Beneficios do proxecto para Galicia

O despregue da fábrica de IA impulsará a creación e o fortalecemento de startups, mellorará a competitividade das empresas, atraerá talento e creará emprego grazas ao acceso a ferramentas de IA avanzadas a disposición de todos os axentes dos sectores vinculados ás ciencias da vida, como a investigación sanitaria ou a biotecnoloxía. En definitiva, acelerará enormemente a innovación e a investigación nestes ámbitos.

A candidatura galega, presentada o pasado mes de xuño, contou co apoio de máis de 60 entidades de eido estatal, europeo e internacional, entre as que se atopan centros de supercomputación europeos coma o de Barcelona (BSC). A calidade da proposta susténtase na solidez da I+D+i galega, no potencial dos ecosistemas biotecnolóxico e de IA galegos e no recoñecido prestixio dos centros de investigación do CSIC, o maior organismo de investigación de España e patrono do Cesga xunto coa Xunta de Galicia.

Repercusión en toda a cadea de valor

1HealthAI promoverá desde Galicia a cooperación con outras fábricas de IA europeas que traballen en sectores relacionados ou complementarios. A nova factoría europea buscará abordar, desde a investigación e a innovación, os desafíos globais do chamado enfoque One Health (“unha soa saúde”). A Organización Mundial da Saúde define o concepto de One Health como un enfoque integrado e unificador que busca equilibrar e optimizar de forma sostible a saúde das persoas, os animais e os ecosistemas. No mundo actual, cada vez máis interconectado, esta perspectiva resulta esencial para previr, prepararse e responder a ameazas globais, como foi a pandemia da covid-19.

A fábrica 1HealthAI especializase nos retos que se presentan baixo este enfoque One-Health, aproveitando a posición privilexiada de Europa na xeración de datos a través dos seus sistemas de saúde, as empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas, así como os axentes dos sectores agroalimentario, marítimo e ambiental. Os principais ámbitos de actuación da fabrica inclúen a medicina personalizada, o envellecemento saudable, a xestión dos recursos mariños, a biotecnoloxía azul, a agricultura, a gandaría, o sector forestal, os alimentos funcionais, os nutracéuticos, o desenvolvemento farmacéutico e de vacinas, a biotecnoloxía ambiental, a economía circular e a bioenerxía.

Que é unha fábrica de IA?

Ideadas pola Comisión Europea para impulsar o uso desta tecnoloxía, as fábricas de IA son espazos onde se deseñan, proban e implementan solucións de intelixencia artificial. Para iso, contan con infraestruturas avanzadas, acceso áxil a conxuntos de datos masivos e diversos, ferramentas específicas e capital humano especializado.

Deste xeito, estas factorías funcionan como centros de innovación que aceleran a creación de aplicacións intelixentes, favorecen a formación e a atracción de talento,  fomentan a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación e contribúen ao fortalecemento dun sector dixital avanzado e competitivo.

Non son só ferramentas para o impulso da innovación tecnolóxica, senón que teñen un alto potencial para a competitividade das empresas e das rexións onde se instalan. Ao ofrecer acceso equitativo a tecnoloxías avanzadas, axudan a diversificar a economía, a creación de emprego en sectores tecnolóxicos con alta demanda e fomentan a colaboración público-privada en proxectos de investigación e desenvolvemento.

Ademais, ao integrar supercomputación e xestión de datos de maneira accesible e segura, as fábricas de IA contribúen a fortalecer a soberanía tecnolóxica de Europa, o que é especialmente importante nun contexto global no que o control e a confianza nos sistemas de IA son claves para garantir un desenvolvemento sostible e ético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025