Medio Rural informa ao concello de Santiso de que os títulos da parcelaria de Liñares-Novela-Pezobrés se entregarán antes de que remate o ano
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Santiso, Manuel Adán, na que abordaron diferentes asuntos relacionados coa mobilidade de terra agraria.
No encontro, a responsable de Medio Rural trasladou ao rexedor que a Consellería ten previsto realizar antes de que remate o ano a entrega de títulos da zona de concentración parcelaria de Liñares-Novela-Pezobrés, que beneficia case 400 propietarios e acada unha superficie de 766 hectáreas. Ademais, na xuntanza tamén se abordou a posible cesión de masas comúns das parcelarias ao concello, para diferentes usos sociais e comunitarios.