O conselleiro de Sanidade doou sangue esta mañá na unidade móbil instalada diante do Edificio Administrativo de San Lázaro
A Xunta convida á cidadanía a doar sangue porque os hospitais galegos precisan preto de 500 doazóns diarias
As reservas dos grupos sanguíneos A negativo e 0 negativo atópanse en niveis baixos, polo que se realiza un chamamento especial ás persoas destes grupos
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver unha campaña entre o persoal da Xunta coa finalidade de facilitar e fomentar a participación na doazón de sangue
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acudiu esta mañá a doar sangue na unidade móbil emprazada diante do edificio administrativo de San Lázaro, un acto que busca animar á cidadanía galega a realizar este xesto solidario para dar resposta ás preto de 500 doazóns diarias que precisan os hospitais galegos.
Durante estas semanas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver unha campaña entre o persoal da Xunta de Galicia coa finalidade de facilitar e fomentar a participación na doazón de sangue.
As reservas dos grupos sanguíneos A negativo e 0 negativo atópanse en niveis baixos, polo que se realiza un chamamento especial ás persoas destes grupos.
Acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, o titular de Sanidade puxo en valor o traballo que desempeña ADOS diariamente, non só como un elo clave na cadea sanitaria, senón tamén un piar esencial da solidariedade e o compromiso social, ao contribuír directamente a salvar vidas e mellorar a saúde da cidadanía.
A demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais galegos mantense constante ao longo de todo o ano. Así, ADOS anima a todas as persoas a doar sangue como un acto sinxelo, seguro e imprescindible, ao tempo que agradece a colaboración e o compromiso da poboación que fai posible o sistema sanitario funcione axeitadamente.
Para máis información relativa á doazón de sangue ou para coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828.