Lete enxalza a Carreira pedestre popular de Santiago que “celebra o ámbito universal do deporte que nos une a todos e a todas”
Fai fincapé nos éxitos do atletismo galego, destacando o récord de atletas galegos que competiron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, chegando a unha decena e, máis recentemente os éxitos dos Mundiais de Atletismo e Para Atletismo en Xapón e na India
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 46ª Carreira Pedestre Popular de Santiago que terá lugar o vindeiro 26 de outubro polas rúas de Compostela, organizada por El Correo Gallego co apoio da Xunta de Galicia. O mandatario galego subliñou como a proba “nacida o 22 de outubro de 1978, celebra o que é o deporte: un ámbito universal que nos une a todos e a todas”.
Na súa intervención, o mandatario galego fixo fincapé nos éxitos do atletismo galego, destacando o récord de atletas galegos que competiron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, chegando a unha decena e, máis recentemente os éxitos dos Mundiais de Atletismo e Para Atletismo en Xapón e na India. Neste sentido felicitou a Adrián Ben nos 1.500 metros, a Antía Chamosa nos 35 km marcha e a Dani Chamosa nos 20 km marcha polos seus respectivos postos de finalistas. Ademais, gabou a representación galega no Mundial de Para Atletismo con Adi Iglesias, que acabou sétima nos 100 metros T13 pero que non competiu nos 200 por mor dunha lesión; Ana Varela xunto ao seu guía Luis Pinedo, cuarta nos 1.500 metros T11; e Desi Vila que acadou unha sexta posición no salto de lonxitude T63 con récord de España.
Lete Lasa destacou o crecemento das licencias da Federación Galega de Atletismo que xa chega as 10.500 licenzas cunha paridade practicamente exacta entre homes e mulleres. A este fito, dixo, contribúen as políticas da Xunta, que nos últimos anos fixo un especial esforzo en canto ás infraestruturas deportivas de atletismo, nomeadamente as pistas da USC, a pista de Cervo, a pista da AGASP, o módulo cuberto de Ribeira, o módulo do IFEVI, o compromiso coa remodelación das pistas de Balaídos, a pista cuberta de Expourense que xa acolleu tres campionatos absolutos, ou a mellora da pista de Monterrei en Ourense.
O secretario xeral subliñou a importancia “da carreira máis máxica do mundo” que o ano pasado congregou a preto de 3.500 corredores cun 30% de participantes femininas. Con todo, “animou a todo o mundo a anotarse na Carreira Pedestre para que, pouco a pouco, a participación se achegue e supere os 6.000 corredores que nalgún ano se citaron en Santiago.