O conselleiro avanza con representantes das facultades de Educación na futura lei de ensino dixital

A Xunta de Galicia está mantendo diversas reunións cos diferentes integrantes da comunidade escolar para perfilar este marco normativo pioneiro

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes das facultades de Educación galegas para seguir avanzando na elaboración da futura Lei de educación dixital, unha norma pioneira coa que a Xunta de Galicia regulará o uso das novas tecnoloxías nas aulas dos centros educativos.

Esta reunión enmárcase no proceso participativo que a Consellería está a desenvolver con diferentes integrantes da comunidade escolar co obxectivo de construír un texto dialogado e consensuado que dea resposta aos retos da transformación dixital na sociedade que repercuten tamén no ensino. Para iso, recóllense achegas orientadas a enriquecer o contido desta norma desde unha perspectiva integral. No caso das facultades valóranse especialmente aspectos tanto da innovación pedagóxica como da formación do profesorado e do uso responsable das ferramentas tecnolóxicas.

O conselleiro agradeceu a implicación dos participantes e subliñou que é “esencial que todas as persoas vinculadas ao sistema educativo acheguen as súas ideas para dar forma a esta nova lei”, que é inédita no ámbito estatal e europeo, e na que o Goberno galego establecerá os dereitos e responsabilidades do profesorado, alumnado, centros educativos e familias neste eido, e apostará por un modelo híbrido de aprendizaxe que combine os materiais tradicionais coas oportunidades que ofrecen as tecnoloxías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025