A Xunta adxudica por preto de 500.000 € o servizo de xestión de proxectos e auditoría técnica para optimizar os sistemas de dispensación en farmacias
O obxectivo deste contrato é desenvolver unha serie de proxectos que permitan dotar estes centros dos medios necesarios para facilitar a xestión sanitaria
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, licitou, por importe de 481.367,04 euros, o contrato de servizo de oficina de xestión de proxectos para apoio técnico á dirección de Tecnoloxías da Información e as Comunicación (TIC) e de auditoría técnica de sistemas de dispensación en oficinas de farmacia.
Resultou adxudicataria deste contrato de servizos a empresa Izertis S. A.
O obxectivo é dotar as oficinas de farmacia dos medios tecnolóxicos necesarios para facilitar o seu funcionamento diario, mellorar a xestión sanitaria e conformar sistemas de información corporativos para que a dirección e os responsables de xestión poidan empregalos como elementos de referencia na toma de decisións.
Galicia foi seleccionada como líder en diferentes grupos de traballo e proxectos do Plan de Transformación Dixital da Atención Primaria e do Plan de Atención Dixital Personalizada. Ambos os plans teñen como obxectivo mellorar a asistencia sanitaria, facéndoa máis personalizada e accesible, tanto para os pacientes como para os profesionais.
Nese marco, este contrato permitirá fortalecer tarefas xa postas en marcha e incorporar novas solucións de carácter dixital relacionadas coa historia clínica electrónica, a telemonitorización, a intelixencia artificial aplicada á toma de decisións clínicas ou a integración con sistema farmacéuticos externos.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.