Javier Arias gaba o nivel de participación no Rally San Froilán, que arranca hoxe co apoio da Xunta

Lugo, 17 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á saída do Rally San Froilán e felicitou á escudaría Miño polo nivel de participación alcanzado na presente edición, con 142 inscritos entre os que se atopan os favoritos para gañar o Campionato Galego de Asfalto 2025, que se decide nesta proba.

A Xunta de Galicia colabora na organización do rally a través da Secretaría Xeral para o Deporte. Así mesmo, o alumnado do CIFP As Mercedes que cursa o ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición realiza parte das asistencias dos vehículos. Incorporáronse arredor de 40 estudantes, dous en cada equipo, que no día de hoxe colaboraron xa na certificación dos vehículos e mañá realizarán o circuíto completo cos participantes.

Neste sentido, Arias destacou a implicación de catro alumnas que, xunto coa presenza na proba de máis dunha trintena de mulleres como copilotas, “visibilizan e dan un empuxe ao talento feminino no sector do motor, tradicionalmente masculinizado”.

Data de actualización: 17/10/2025