A conselleira María José Gómez avanzou nunha visita a Sober as principais liñas das contas do seu departamento para o vindeiro ano

Medio Rural duplicará no 2026 o seu orzamento para intensificar os labores de inspección e axilizar os traballos de xestión da biomasa arredor das aldeas

A Consellería pasa dun investimento de 7,75 a 15,5 M€ no convenio coa Fegamp e, ao mesmo tempo, crearase un Fondo de Garantía de Limpeza de Franxas dotado con outros 10, ata superar así aos 25 M€ para esta finalidade

Faranse melloras en bases aéreas e construiranse outras novas, con actuacións destacadas en Valga, Lalín, Campiño (Pontevedra) ou Antela (Sandiás)

A mellora de infraestruturas, con 17,7 M€ para o Plan Camiña Rural, e o avance na mobilización de terras, con 16,7 M€ para parcelarias, son outras partidas destacadas nos orzamentos de Medio Rural para o vindeiro ano

Na provincia de Lugo salientan os fondos para reestruturacións parcelarias e unha nova convocatoria de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con máis de 1,5 M€

Sober (Lugo), 18 de outubro de 2025

A Consellería do Medio Rural duplicará o seu orzamento no ano 2026 para intensificar os traballos de inspección e axilizar os labores de xestión da biomasa arredor das aldeas, co fin de potenciar a prevención e loita contra os incendios forestais. Así o destacou hoxe en Sober a titular do departamento, María José Gómez, en liña co anunciado polo presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria tras a vaga de lumes do mes de agosto.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e polo alcalde de Sober, Luis Fernández, salientou que os orzamentos de Medio Rural para esta finalidade duplicaranse, pasando de 7,75 a 15,5 millóns de euros. Ademais, crearase un fondo adicional específico, o Fondo de Garantía de Limpeza de Franxas, dotado con 10 millóns nun principio, que se nutrirán coa execución das limpezas que cobre a Xunta tras facer os labores de xeito subsidiario. Así pois, tal e como destacou Gómez, trátase dun investimento total que supera os 25 millóns de euros.

Este esforzo, sinalou a conselleira, permitirá seguir consolidando o sistema público que contribúe a manter limpos os predios próximos aos núcleos de poboación, “como os desta aldea da Burdalla, que hoxe visitamos”, remarcou Gómez. Deste xeito, engadiu, traballarase con tres obxectivos: reforzar as inspeccións e apoiar os municipios, especialmente os de menos de 10.000 habitantes; revisar as parroquias priorizadas no devandito convenio e axilizar as execucións subsidiarias no caso de que os propietarios incumpran a súa obriga de xestionar a biomasa nas súas parcelas.

Melloras nas bases aéreas

Estes investimentos complementaranse ademais con melloras en bases aéreas xa existentes e na creación doutras novas, para o que se destinarán máis de 9 millóns de euros. Salientan, entre outras, as actuacións en Valga, cunha nova base para avións de carga en terra; Lalín, avanzando na base de helicópteros e a ampliación e mellora das instalacións en Campiño (Pontevedra) e Antela (Sandiás). Tamén neste eido, a conselleira destacou o compromiso coa mellora das condicións laborais e a estabilidade do persoal da Xunta que traballa na prevención e defensa contra incendios, co incremento ata os 9 meses -un máis que neste 2025- do tempo de traballo do persoal laboral, que representa un terzo do servizo.

Outra das partidas destacadas do orzamento de Medio Rural para o vindeiro ano é a que ten que ver coas infraestruturas rurais. Deste xeito, destinaranse 17,7 millóns de euros para o plan Camiña Rural, unha contía similar a este ano, para prestar apoio aos concellos nas tarefas de ampliación e mellora de vías municipais.

Mobilización de terras

No que atinxe á mobilización de terras, un total de 16,7 millóns de euros (3,7 máis que no 2025) serán para impulsar as parcelarias, co obxectivo de traballar para rematar as 71 actualmente abertas e continuar as actuacións nas 29 reestruturacións que están en marcha. E remarcou que a provincia de Lugo “verase especialmente beneficiada” con esta medida, xa que se triplica o investimento cara o vindeiro ano nesta materia, cun total que supera os 4,4 millóns de euros.

Tamén en relación con Lugo, e máis especificamente coa Ribeira Sacra, Gómez subliñou que no 2026 haberá unha nova convocatoria das axudas á conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da denominación de orixe, dotadas con máis de 1,5 millóns de euros.

Como resumo e conclusión da filosofía que impulsa estes orzamentos, a conselleira explicou que seguen consolidando as liñas de traballo xa iniciadas e asentando as prioridades marcadas para os vindeiros anos, co fin de traballar a prol dun rural “produtivo e coidado, sinónimo de calidade e innovación e vivo e con moito futuro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2025