O presidente da Xunta de Galicia participou hoxe en Santiago na Asemblea e Xornada Nacional de AFAMMER baixo o lema “43 años de avances de las Mujeres Rurales: Compromiso, Liderazgo y Empoderamiento”

Rueda enxalza o papel esencial das mulleres rurais como motor do progreso e reafirma o apoio da Xunta ás políticas de igualdade no territorio

A Xunta destina cada ano máis de 4,3 millóns e euros ao apoio ao asociacionismo feminino e aos programas de promoción de igualdade, especialmente no rural

Lembra o papel decisivo das mulleres no sector agrogandeiro, con axudas á incorporación nas que catro de cada dez novas incorporacións ao agro desde 2016 sexan femininas

Pon en valor o marco normativo galego para a igualdade, apoiado pola Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de 2024, da que derivan instrumentos como o Estatuto da Muller Rural ou o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, entre outros

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe en Santiago na Asemblea e Xornada Nacional da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (AFAMMER), celebrada baixo o lema 43 años de avance de las Mujeres Rurales: Compromiso, Liderazgo y Empoderamiento, onde puxo en valor o traballo e compromiso desta organización ao longo de máis de catro décadas en defensa das mulleres do rural.

Rueda subliñou que AFAMMER, nacida en Lugo en 1982, foi pioneira en dar voz ás mulleres rurais e en facela escoitar nos principais foros nacionais e internacionais. O presidente trasladou o agradecemento da Xunta a todas as persoas que integran a entidade e que contribúen a mellorar as condicións de vida, emprego e igualdade nas aldeas e nos pequenos concellos galegos. “Sen asociacións como esta que vos agrupa, o noso rural non tería futuro”, declarou.

Destacou que o Goberno galego comparte plenamente esta visión e traballa desde hai anos para que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade palpable en todo o territorio. A Xunta destina cada ano máis de 4,3 millóns de euros ao apoio do asociacionismo feminino e aos programas de promoción da igualdade, especialmente no rural. Grazas a estes recursos, máis de 17.000 mulleres de concellos de menos de 20.000 habitantes participaron en actividades formativas ou de sensibilización ao longo de 2024.

O xefe do Executivo autonómico puxo en valor o papel das asociacións de mulleres como auténticos motores sociais, que ofrecen apoio e oportunidades, e lembrou que a Xunta colabora activamente coas federacións provinciais de mulleres rurais a través de programas de conciliación, formación e prevención da violencia de xénero. Preto de 2.000 mulleres participaron nos últimos anos en accións formativas impulsadas pola Administración autonómica, moitas delas en colaboración con AFAMMER.

Rueda incidiu tamén na importancia de garantir a conciliación no rural e destacou o reforzo da rede de proximidade, que conta actualmente con máis de 100 casas niño, 140 casas do maior e 51 unidades de atención temperá que prestan servizo a 200 localidades. Segundo explicou, estas iniciativas forman parte dunha visión integral dun rural vivo, con servizos e oportunidades para desenvolver proxectos vitais e profesionais.

O titular da Xunta fixo referencia ao papel decisivo das mulleres no sector agrogandeiro, que considerou esencial para o desenvolvemento do campo galego. Nas axudas de incorporación ao agro se aplica unha discriminación positiva a favor das mulleres, o que permitiu que catro de cada dez novas incorporacións desde 2016 fosen femininas. Ademais, case a metade do alumnado dos centros de formación e experimentación agraria é xa muller, e aumenta a presenza feminina ao fronte de explotacións. “Facedes todo o posible para que no rural haxa vida. Sodes a xente á que de verdade hai que escoitar e hai que agradecer que esteades unidas e que pensedes que esa unidade fai a forza”, salientou.

Estatuto da Muller Rural

En canto ao marco normativo, Galicia conta con varias iniciativas para avanzar na igualdade, como é o caso da Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, aprobada en 2024, e que incorpora por primeira vez unha perspectiva específica sobre a muller rural e do mar. Desta norma derivan instrumentos clave como o Estatuto da Muller Rural, o Estatuto das Mulleres do Sector Marítimo-Pesqueiro e o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar.

Estas políticas intégranse no VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2022-2027, que contempla preto de 130 medidas para corrixir desequilibrios e fomentar o liderado feminino en todos os ámbitos. Entre os programas máis emblemáticos, Rueda destacou o Emega, con preto de 30 anos de traxectoria, que permitiu apoiar máis de 2.000 iniciativas empresariais lideradas por mulleres, cun investimento de 27 millóns de euros e arredor de 4.000 empregos xerados. “É un exemplo de que se pode emprender e de que hai moitísimas mulleres que cunha pequena axuda multiplican iso por moitísimo máis”, manifestou.

A convocatoria de 2025 deste programa pon especial atención no rural, nos sectores masculinizados e nas mulleres maiores de 55 anos, incorporando axudas complementarias á conciliación. Segundo o presidente, estas medidas permiten que cada vez máis mulleres podan emprender sen renunciar ao seu entorno familiar. “Temos que estar desde o principio, dar esa pequena axuda, para que ideas que parecían soños, agora son magníficas realidades”, subliñou.

Rueda destacou que as mulleres rurais son a columna vertebral do territorio galego, xa que o seu traballo non só sostén a economía local, senón tamén a cultura, a paisaxe e a vida comunitaria. Reiterou o compromiso da Xunta de seguir acompañándoas con feitos, recursos e políticas, pero tamén con confianza plena no seu potencial.

Ao remate, fixo referencia aos orzamentos de Galicia para 2026, recentemente aprobados, que fan posible seguir impulsando proxectos en toda a comunidade, especialmente no rural e en favor das mulleres que o sosteñen co seu traballo e esforzo diario. Subliñou que a Xunta continuará apoiándoas e acompañándoas neste camiño, “contade co noso apoio e, por suposto, coa miña admiración”, finalizou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2025