A delegada da Xunta destaca o éxito do CFR Virxe do Rocío de Vigo no que se forman a 9.000 profesores e onde o centro escolar celebra as súas actividades
Ana Ortiz visitou este mércores ao novo equipo directivo do Centro de Formación e Recursos aberto hai dous anos tras o desaloxo das instalacións do Chouzo
“É un exemplo palpable do compromiso da Xunta coa excelencia na educación e co afianzamento do noso modelo educativo innovador e inclusivo”
Vigo, 22 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este mércores o Centro de Formación e Recursos (CFR) do Rocío para dar a benvida ao novo equipo directivo recentemente nomeado cando se cumpren dous anos da apertura das instalacións. No percorrido polo centro, no que tamén estivo presente a directora do CEIP Virxe do Rocío, a representante autonómica destacou o éxito das novas instalacións, no que se forman 9.000 profesores e que serven para acoller as actividades do centro escolar de infantil e primaria.
“O CFR é un exemplo palpable do compromiso da Xunta coa excelencia na educación e co afianzamento do noso modelo educativo innovador e inclusivo”, sinalou Ana Ortiz tras descartar que as instalacións poidan ser desafectadas como pretende o Concello de Vigo. “A formación de profesores é vital para a educación pública e deberiamos estar orgullosos de que a nosa cidade acolla este centro”, engadiu.
Ana Ortiz lembrou que xa no ano 2021 o Concello expulsou aos profesores do edificio do Chouzo, polo que a Xunta decidiu investir 400.000 euros nun edificio que estaba sen utilizar no Rocío. “Non só formamos aos profesores nestas aulas, senón que tamén acollemos as actividades do colexio e da asociación de nais e pais, polo que non vamos a desafectar o edificio”, abondou.
O CFR de Vigo xa é unha peza clave no desenvolvemento do Plan Anual de Formación do Profesorado con accións formativas enfocadas á dixitalización, á innovación e á convivencia como liñas prioritarias, polo que o Goberno galego dá resposta ás demandas do profesorado de contar cun espazo axeitado.
A Consellería de Educación investiu un total de 400.000 euros na adaptación destas instalacións no edificio anexo do Colexio Virxe do Rocío. Trátase dun espazo de 3.000m² distribuídos en tres plantas, adaptadas ás directrices tanto de innovación como de sostibilidade marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
De feito, o CFR conta cunha réplica dunha aula E-Dixgal e un Polo Creativo, dotadas con todo o equipamento. Tamén dispón dun salón de actos con capacidade para 100 persoas e seis aulas de formación que suman unha capacidade máxima de 400 persoas. O edificio complétase con espazos de administración e despachos.
 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
									 
										 
										