A Xunta respalda con preto de 115.000 euros a actividade deportiva dun centenar de entidades e clubs das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde o Club de Campo, beneficiario desta convocatoria da Secretaría Xeral para o Deporte

Este club percibiu unha achega de máis de 2.000 euros destinada a sufragar a participación dos seus equipos de fútbol, pádel e tenis en distintas competicións deportivas.

Ferrol, 22 de outubro de 2025

A Xunta destina este ano 114.905 euros en axudas a un centenar de entidades deportivas e clubs das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para o desenvolvemento de actividades deportivas. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta resolución durante unha vista a unha das entidades beneficiarias desta orde de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte, o Club de Campo.

En concreto, este club percibiu unha achega de máis de 2.000 euros destinada a sufragar a participación dos seus equipos de fútbol, pádel e tenis en distintas competicións deportivas.

A representante da Xunta aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo realizado pola entidade deportiva, tanto no deporte base como en categorías sénior. Así dispón 236 licenzas de fútbol, 147 de pádel e 86 de tenis, entre deportistas masculinos e femininos. Actualmente conta con 13 equipos de fútbol competindo en ligas locais, seis en pádel en competición autonómica, e outros 13 equipos de tenis competindo a nivel galego, ademais das escolas deportivas que estas disciplinas levan aparelladas.

Esta orde de axudas, dirixida a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas contou este ano cun orzamento de 2 M€. Aneiros lembrou que unha das novidades da convocatoria deste ano establecía ter aprobado o Protocolo de Protección dos Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2025