A Xunta anima ás empresas a sumarse ao procedemento de acreditación de competencias que recoñecerá a experiencia laboral dos seus traballadores
A directora xeral de FP participa no CIFP Paz Andrade de Vigo na entrega destas acreditacións a 179 traballadores de nove empresas do sector naval xa acreditados
Eugenia Pérez lembra que se trata dun procedemento pioneiro en Galicia no que tanto os sectores como as empresas poden realizar o proceso dun xeito colectivo
Un total de 32 centros de toda Galicia participan neste procedemento para a acreditación da experiencia adquirida polo desempeño laboral en 25 familias profesionais
Vigo, 23 de outubro de 2025
A Xunta anima ás empresas galegas a sumarse ao procedemento de acreditación de competencias profesionais impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades a través do cal se certifica a experiencia adquirida polos traballadores na súa traxectoria laboral.
Así o salientou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que participou no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade de Vigo, na entrega de certificacións a un total de 179 traballadores de nove empresas do sector naval aos que xa se lles recoñeceu as súas competencias, experiencia e cualificación neste ámbito. En total recoñecéronse neste proceso arredor de mil unidades de competencia profesional de diferentes perfís como soldadores, caldeireiros, tubeiros, mecánicos, especialistas en tratamentos de superficies, andamieiros e delineantes, entre outros.
A responsable do departamento de FP da Consellería de Educación subliñou que o procedemento Ara Empresa é “pioneiro” en Galicia e que, no caso concreto de Vigo, se iniciou nun sector “fundamental” do tecido socio-económico da comarca como é o do naval. Neste senso, agradeceu a implicación e a colaboración da entidade de Pequenos e medianos astaleiros, Pymar, no impulso desta acción, e cuxo secretario xeral, José Francisco Fernández, tamén participou no acto de hoxe no centro de FP Valentín Paz Andrade.
Eugenia Pérez explicou, así mesmo, que, co fin de facilitar o proceso, desde a Administración autonómica dáse a posibilidade de que as acreditacións se fagan de xeito “masivo” por empresas e sectores, en lugar de facelo a nivel individual, o que axiliza moito máis os sistema. Finalmente, salientou a importancia destes procedementos na medida en que benefician aos traballadores e ás empresas ao tempo que se potencia a relación entre os sectores produtivos e os centros de FP.
Plan FPGal360
O procedemento ARA de Avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, enmarcado nun dos obxectivos do Plan FPGal360, é un procedemento oficial impulsado para recoñecer as competencias que un traballador ten adquiridas a través da experiencia laboral ou da formación non formal. Isto permite que persoas sen titulación oficial poidan acreditar os seus coñecementos e destrezas nun eido profesional concreto obtendo certificados válidos para acceder a formación, emprego ou promoción interna.
En Galicia participan neste proceso un total de 32 centros educativos para recoñecer oficialmente as competencias profesionais en calquera das 25 familias impartidas da comunidade autónoma.
 
										 
										