Medio Rural organiza en Sergude unha xornada técnica sobre artesanía alimentaria e sector lácteo

A acción formativa terá lugar neste Centro de Formación e Experimentación Agraria da Xunta o vindeiro martes día 28

O programa centrarase na artesanía alimentaria, as oportunidades de negocio no sector do leite, a titorización das persoas recentemente incorporadas á actividade agraria ou o modelo austríaco de produción leiteira enfocado ás pequenas granxas

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, en Boqueixón (A Coruña), dependente da Consellería do Medio Rural, acollerá o vindeiro martes 28 de outubro a xornada técnica A Artesanía alimentaria como modelo de sostenibilidade económica das pequenas explotacións lácteas. Esta iniciativa formativa, organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pretende salientar o sector leiteiro galego e a importancia do indicativo de calidade diferenciada artesanía alimentaria como factor que proporciona valor engadido ás producións do agro.

Baixo estas premisas, o programa da xornada centrarase en diversos aspectos relacionados con este selo, as oportunidades de negocio no sector do leite, a titorización das persoas recentemente incorporadas á actividade agraria e o asesoramento ás explotacións desde a administración pública ou o modelo austríaco de produción leiteira e o seu enfoque cara ás pequenas granxas.

Como relatores, intervirán representantes da Consellería do Medio Rural e técnicos especialistas na materia, entre eles un representante da rexión da Baixa Austria. Ademais dos relatorios, haberá mesas redondas nas que participarán, entre outros, pequenos produtores galegos de leite, queixos ou iogures e visitarase unha industria próxima ao centro de Sergude.

Os interesados en asistir á xornada poden inscribirse a través do enlace https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas. O código da acción formativa é o seguinte: TT2025F115014. Para máis información, pódese contactar no teléfono 981 54 67 90.

Data de actualización: 24/10/2025