A Xunta salienta que o ciclo de Navegación e pesca de litoral é un exemplo do impulso dunha oferta de FP aliñada co territorio e o tecido socioeconómico

A directora xeral de FP visista as instalacións para a formación dos 18 estudantes matriculados neste ciclo, en colaboración co Porto de Celeiro

Viveiro, 24 de outubro de 2025

 A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe as instalacións do Porto de Celeiro onde se imparte a formación práctica do ciclo de Navegación e Pesca de Litoral implantado no IES María Sarmiento de Viveiro, onde salientou que estas ensinanzas son un exemplo da aposta da Xunta por unha oferta de FP aliñada co territorio e co tecido socioecómico de cada zona.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou a visita para comprobar o funcionamento do equipamento dotado especificamente para este ciclo como un simulador de navegación facilitado pola Xunta e un plotter de navegación e pesca doado pola empresa Nautical, vinculada ao sector pesqueiro de Celeiro.

Precisamente, Eugenia Pérez puxo en valor a importancia da colaboración entre a Administración educativa e as empresas como un elemento clave para o impulso das ensinanzas de FP. En concreto, agradeceu a colaboración dos armadores de Porto de Celeiro e a Confraría de pescadores neste ciclo concreto, o que asegura man de obra cualificada e relevo xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025