A conselleira visitou hoxe a cooperativa Ganxabar, no concello coruñés de Mazaricos
Medio Rural anuncia que aboará a maior parte das axudas directas da PAC no mes de decembro
Este pago complementará o anticipo desta semana e contempla o adianto da axuda asociada a ovino-cabrún, así como o reforzo dos pagos de Zonas con Limitacións Naturais, que este ano son moito máis superiores que en exercicios anteriores
En relación coa dermatose nodular contaxiosa, a conselleira lanzou unha mensaxe de tranquilidade e lembrou que cómpre extremar as precaucións co fin de protexer á cabana gandeira
Recordou que todos aqueles bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra de Galicia deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais dende a data da súa incorporación á explotación de destino
Mazaricos (A Coruña), 24 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural pagará no mes de decembro a maior parte das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2025. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á cooperativa Ganxabar, en Mazaricos, na que destacou que este pago completará o anticipo desta semana de 44 millóns de euros, correspondentes a vacún de leite e carne.
A maiores da folla de ruta habitual, este ano adiantarase a axuda asociada a ovino-cabrún e reforzaranse os pagos de Zonas con Limitacións Naturais, que son moito máis superiores que en anteriores exercicios. Neste sentido, con este adianto e co pago que se fará a finais de ano, procúrase dotar de maior liquidez aos agricultores e gandeiros galegos, que se viron especialmente afectados pola vaga de incendios forestais do verán.
Asemade, a titular de Medio Rural incidiu no rexeitamento á proposta da Unión Europea para a vindeira PAC a partir de 2028. Reafirmou que Executivo galego reclamará de novo, tanto ao Goberno central como á UE, unha PAC ben dotada, con financiamento suficiente e fondos específicos e diferenciados que permitan apoiar a renda dos agricultores e gandeiros, o desenvolvemento rural e a remuda xeracional.
Dermatose nodular contaxiosa
En relación coa dermatose nodular contaxiosa, María José Gómez trasladou unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que polo de agora esta enfermidade non foi detectada en Galicia e, ademais, non conleva ningún risco para as persoas. Con todo, lembrou que é necesario reforzar as medidas preventivas co obxectivo de protexer á cabana gandeira. Polo tanto, tal e como recolle a resolución publicada onte no Diario Oficial de Galicia, todos aqueles bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra de Galicia deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.
Ademais, os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados tamén durante 21 días de xeito preventivo. Por outra banda, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia.
Estas medidas están vixentes dende onte e durante os próximos 29 días. En todo caso, poderán ampliarse dependendo da evolución epidemolóxica da enfermidade. O vindeiro luns está prevista unha xuntanza con axentes do sector gandeiro para abordar esta cuestión e resolver dúbidas. Seguindo esta liña, insistiu en que a Consellería reclamou xa ao Ministerio de Agricultura unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónoma.
Fomento de uso de maquinaria en común
Durante o seu percorrido polas instalacións de Ganxabar, a conselleira estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Belén do Campo, e puxo de relevo a importancia do cooperativismo na nosa comunidade. Destacou que entidades como Ganxabar contribúen á continua modernización do sector agrario galego, á súa adaptación ao mercado e á incorporación de novas tecnoloxías.
Cómpre destacar que se vén de ampliar a dotación da segunda convocatoria das axudas para uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo, que ascende ata os 3,6 millóns de euros. Estas subvencións están destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación que, ao compartir a maquinaria, melloran os seus servizos e ven reducidos os seus custos de produción, increméntase a seguridade e foméntase o aforro enerxético.