A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou en Cualedro na acción de voluntariado despregada para paliar as consecuencias dos incendios deste verán

Ángeles Vázquez pon en valor o labor dos 420 voluntarios que colaboraron para previr arrastres e alimentar á fauna en zonas danadas polos lumes

Os participantes no plan de voluntariado da Xunta contribuíron a prever os problemas hidrolóxicos, de erosión e de contaminación dos solos, e a alimentar a exemplares silvestres co reparto de 75 toneladas de palla, herba e cereais

Este plan está promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en coordinación coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Esta iniciativa complementa o plan de alimentación da fauna silvestre posto en marcha por Medio Ambiente e, en conxunto, repartiron preto de 190 tn de alimento

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural disporá en 2026 dun orzamento de 48,6 M€ para avanzar no coidado e impulso da riqueza ambiental galega

Cualedro (Ourense), 25 de outubro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o labor dos máis de 420 voluntarios que colaboraron para previr arrastres e alimentar á fauna silvestre nas zonas que se viron afectadas polos lumes o pasado verán.

De feito, a conselleira participou hoxe en Cualedro na acción de voluntariado organizada no marco do plan especial deseñado pola Xunta para contribuír á protección e recuperación daqueles concellos da provincia de Ourense que resultaron afectados polos incendios forestais do pasado verán e que contan dentro do seu territorio con espazos amparados baixo algunha figura de protección.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, desde a posta en marcha desta iniciativa xa participaron 420 persoas tanto en actuacións directas da Xunta como a través de colaboracións con outras entidades.

O obxectivo destas accións é dar unha resposta rápida a dous dos principais efectos dos lumes. Por un lado, prever os problemas hidrolóxicos, de erosión e de contaminación dos solos a través da colocación de acolchados de palla, fibras de madeira e outros materiais para crear faixas protectoras en zonas afectadas polo lume e con pendentes elevadas.

Por outro lado, os voluntarios tamén realizan tarefas de distribución de alimento para a fauna silvestre das zonas afectadas polo lume. En concreto, tal e como subliñou a conselleira, repartiron máis de 75 toneladas de palla, herba e cereais.

Esta acción, cun orzamento de 216.000 euros, está promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en coordinación coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. En concreto, Medio Ambiente fai a selección dos lugares (a proposta dos concellos) e determina as accións a realizar en cada caso; transporta e facilita todo o material necesario para realizar as intervencións (palla, alimento, ferramentas...); asume sobre o terreo a coordinación e asesoramento aos voluntarios e tamén cubre os gastos da súa manutención e aloxamento durante as xornadas de traballo.

Pola súa parte, Cultura, ademais de encargarse da difusión destas accións e da inscrición en liña, selecciona e organiza os distintos grupos de voluntarios e contrata os correspondentes seguros para cubrir aos participantes.

Esta iniciativa de voluntariado complementa o plan de alimentación da fauna silvestre posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático -deseñado para garantir alimento aos exemplares de especies silvestres herbívoras resgardados nas illas de vexetación que quedaron nos montes- e que repartiu 111 toneladas tanto por terra como por aire, a través dun helicóptero, nas zonas de difícil acceso ou directamente inaccesibles. En conxunto, entre ambas actuacións distribuíronse un total de 190 toneladas de palla, herba, cereais e sal.

En total, estes dous plans de voluntariado e reparto de alimento para fauna silvestre supoñen un investimento total de preto de 500.000 euros.

48,6 M€ para Patrimonio Natural

Segundo dixo a conselleira, Galicia busca avanzar no coidado e impulso da súa riqueza ambiental, polo que a Dirección Xeral de Patrimonio natural disporá o vindeiro ano dun orzamento de 48,6 M€.

O Goberno galego convocará unha nova orde de axudas dotada con 2,3 M€ para a conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural nos parques naturais, na Rede Natura 2000 e nas reservas de biosfera da Comunidade. Ademais, destinará 2,1 M€ a actuacións de mellora e conservación dos parques naturais galegos e investirá 1 M€ para aprobar 20 plans de xestión específicos para as zonas de especial conservación e protección da Rede Natura 2000.

En canto á fauna silvestre, reforzarase nun 36% as distintas ordes de axudas para previr e paliar os danos causados por especies como o lobo, o oso e o xabaril, chegando aos 7,5 M€. No caso dos animais de compañía, en 2026 destinarase un total de 1,35 M€ ás axudas a concellos, entidades protectoras e particulares para a protección destes exemplares. Ademais, levaranse a cabo outras accións como a posta en marcha do primeiro centro autonómico de protección animal, en Curtis, e seguirase promovendo a construción de parques caninos nas grandes cidades galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2025