Extinguido o incendio forestal do concello pontevedrés de Silleda, parroquia de Oleiros

O lume quedou extinguido ás 13,22 horas de hoxe e finalmente afectou unha superficie de 67,4 hectáreas, das cales 57,35 se corresponden con monte raso e 10,05, con arborado

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2026

A Consellería do Medio Rural informa que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Silleda, parroquia de Oleiros, quedou extinguido ás 13,22 horas de hoxe.

O lume iniciouse ás 22.49 horas do pasado xoves e finalmente afectou unha superficie de 67,4 hectáreas, das cales 57,35 se corresponden con monte raso e 10,05, con arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 20 axentes, 28 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 3 técnicos, 3 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 20/09/2026