A Xunta amplía o orzamento deste ano para o Bono Emancípate en 250.000€ e aumenta a contía da convocatoria de 2026 ata chegar aos 3 M€
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, anuncia as novidades do programa coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia do incremento do crédito
Xunto coa directora xeral de Xuventude, destaca que “tanto esta ampliación como a suba na partida do vindeiro ano responde á gran demanda por parte da mocidade”
Nesta primeira edición recibíronse máis de 3.700 solicitudes e resultaron beneficiarias 900 persoas, preto de 500 en réxime de alugueiro e máis de 400 propietarias
A cantidade total destinada nesta primeira edición ascende a máis de 2 M€, aumentando nun millón de euros para 2026
López Campos sinala, ademais, “ o compromiso do Goberno galego coa xente moza e coa mellora na súa calidade de vida”
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia incrementará en 250.000€ a partida deste ano do Bono Emancípate, a iniciativa posta en marcha polo Goberno galego para axudar aos mozos cos gastos derivados de independizarse que contará nos orzamentos de 2026 cunha suba dun millón de euros ata os 3 M€. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen explicou que este acordo responde “á gran demanda desta iniciativa por parte da mocidade que, na súa primeira edición, foi solicitada por máis de 3.700 persoas”.
López Campos fixo este anuncio coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia da ampliación do crédito para a presente convocatoria, que suma así 250.000€ máis aos preto de 2 M€ asignados inicialmente e que xa foron repartidos entre as persoas solicitantes. Neste senso, apuntou, “apostamos por realizar un esforzo e chegar neste mesmo ano a máis persoas, antes de iniciar os trámites da próxima edición de 2026, dando conta así do noso compromiso coa xente moza e coa mellora da súa calidade de vida”.
Así, durante unha visita a un establecemento comercial en Santiago, lembrou que o Goberno galego “puxo en marcha estas axudas destinadas a colaborar coa mocidade para afrontar os primeiros gastos do fogar como pode ser a compra de mobiliario ou de electrodomésticos, entre outros, co fin de complementar outras políticas relacionadas coa vivenda”.
Nesta liña, o responsable de Xuventude, resaltou que a través deste bono a Xunta colaborou este ano cun total de 900 persoas de entre 18 e 35 anos. Destas, preto de 500 persoas que se independizaron en réxime de alugueiro recibiron 1.500€, mentres que ás máis de 400 que o fixeron nunha vivenda en propiedade, correspondeulles unha contía de 3.000€. Así mesmo, puntualizou que a adxudicación das axudas realizouse por orde de chegada das peticións e unha vez revisados os requisitos esixidos nas bases da convocatoria, e que esta ampliación do crédito non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Obxectivos do programa
O obxectivo deste programa é que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de iniciar un proxecto de vida fóra do seu fogar habitual, e que se centra en sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais, entre outros gastos.
O acceso á mesma está supeditada a certos requisitos como figurar dentro da franxa de idade indicada, ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos, posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en marcha o Bono Emancípate para dar resposta ás demandas da mocidade galega ante as dificultades de acceso a unha vivenda de seu que lle permita iniciar un proxecto de vida independente. Así, con esta iniciativa trátase de complementar as políticas de vivenda que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia cunha acción diferente que non ten que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento.
Compras en tendas físicas galegas
Unha vez concedidas e comunicadas, as axudas fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa beneficiaria, que no caso da actual convocatoria de 2025, pode ser utilizada ata o 31 de decembro como data límite. Ademais, as compras que se realicen deben facerse en establecementos con sede física en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.