Medio Rural celebra hoxe unha xornada técnica sobre a artesanía alimentaria e a sustentabilidade no sector lácteo
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá na benvida desta acción formativa, coa que se reforza o liderado da comunidade no sector lácteo
Boqueixón (A Coruña), 28 de outubro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na benvida da xornada técnica A Artesanía alimentaria como modelo de sostenibilidade económica das pequenas explotacións lácteas, que se celebra hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón. Alemparte salientou a importancia deste tipo de accións formativas, centradas en actualizar os coñecementos do sector e analizar as oportunidades de negocio no eido leiteiro da man do selo Artesanía Alimentaria, xa que este selo de calidade diferenciada aporta maior engadido aos produtos.
Neste sentido, sinalou que o obxectivo desta acción e apostar por un modelo de sustentabilidade económica que pasa por primar a diversificación, a calidade e a aportación de valor engadido nas producións.
Durante o día de hoxe abordaranse aspectos como as oportunidades de negocio no sector do leite, a titorización das persoas recentemente incorporadas á actividade agraria e o asesoramento ás explotacións desde a administración pública ou o modelo austríaco de produción leiteira e o seu enfoque cara ás pequenas granxas.
Estes faladoiros están impartidos por expertos e especialistas, así como representantes da Consellería do Medio Rural e un voceiro da rexión da Baixa Austria. Á súa vez, os relatorios complementaranse con mesas redondas nas que participan pequenos produtores lácteos e cunha visita a unha industria próxima.