A conselleira María José Gómez presentou no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro ano 2026
Medio Rural incrementa nun 1 % o seu orzamento, ata 708 M€, para impulsar a ordenación do territorio, a calidade agroalimentaria e a remuda xeracional
As diferentes actuacións que se levarán a cabo estrutúranse en tres eixos fundamentais: ordenación do territorio e equilibrio rural; calidade e apoio á seguridade da produción; e innovación, emprendemento e futuro do sector
Destaca o investimento destinado á prevención de incendios, que se sitúa nos 75,38 M€, o que supón un incremento de case 25 millóns con respecto a 2025, cun reforzo especial do convenio de xestión de faixas secundarias coa Fegamp e Seaga
Hai un esforzo importante en sanidade animal, vexetal e forestal, sobre todo para a loita contra as bandas do piñeiro, así como tamén para impulsar as parcelarias e para servizos básicos en entidades de poboación, cunha nova convocatoria de 5 M€
O Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns de euros, 2 máis que no exercicio anterior, e poranse en marcha mercados en diferentes cidades españolas para promocionar a calidade agroalimentaria galega
Duplícase o orzamento para a titorización dos mozos e destinaranse uns 24 M€ para fomentar a remuda xeracional e a incorporación ao agro
O Plan de obras da Consellería suporá un desembolso en novas actuacións e reformas das infraestruturas actuais que supera os 18 M€
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural incrementa o seu orzamento para 2026 en preto dun 1 %, ata os case 708 millóns de euros, co fin de continuar impulsando a ordenación e defensa do territorio, fomentando a calidade agroalimentaria e propiciando o futuro do sector agrogandeiro e forestal de Galicia. Así o explicou esta tarde a conselleira María José Gómez, na súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
Así, pois, tal e como sinalou Gómez, os presupostos de Medio Rural estrutúrase en tres eixos complementarios entre si. En primeiro lugar, o da ordenación territorial e equilibrio rural; en segundo termo, o da calidade e apoio á seguridade da produción; e, por último, o de innovación, emprendemento e futuro do sector.
Ordenación e equilibrio rural
O primeiro destes eixos pivota, como cuestión clave, na defensa do territorio rural fronte os incendios forestais. Así, a conselleira indicou que o orzamento de investimento (sen capítulo I) da Dirección Xeral de Defensa do Monte para tarefas de prevención e extinción de lumes ascende a máis de 116 millóns de euros, dos que 75,38 -é dicir, preto do 65 %- se destinará a prevención e os 40,6 millóns de euros restantes a extinción. A cifra de prevención increméntase, xa que logo, en preto de 25 millóns de euros con respecto ao presente ano. Ademais, nesta mesma liña, Gómez puxo en valor o esforzo en materia de limpeza de faixas preto das vivendas, que se intensifica ao duplicar o orzamento do convenio de xestión da biomasa asinado coa Fegamp e Seaga ata acadar os 25 millóns de euros, contabilizando tamén o novo Fondo de Garantía de Limpeza de Franxas, dependente da Consellería de Facenda.
Asemade, prestarase unha especial atención á rede de bases de unidades operativas (BUO) e ás bases de medios aéreos, con investimentos destacados como a nova base de helicópteros de Lalín; a renovación do aeródromo de Antela, en Sandiás; a construción da nova base de Setecoros, en Valga; o acondicionamento da base aérea do Campiño, en Pontevedra, e accións de mellora noutros emprazamentos. A conselleira salientou tamén o reforzo dos medios aéreos, que aumentan ata 19,56 millóns de euros, un crecemento de 3,7 millóns en relación co presente exercicio.
Gómez fixo tamén fincapé na ordenación forestal, dentro do obxectivo da Xunta de consolidar a Galicia como primeira potencia madeireira de España. Destacou o esforzo económico que permitirá avanzar en reforestación, silvicultura e tratamentos fitosanitarios, cun orzamento importante de case 8 millóns de euros para actuacións sanitarias, o que supón 4,8 millóns máis que en 2025. Así mesmo, trasladou que se continuará favorecendo a creación de agrupacións de xestión conxunta, como ferramenta útil para evitar o abandono do monte e mellorar a rendibilidade das explotacións.
Canto ás infraestruturas rurais e a mellora de servizos á poboación, a conselleira salientou os procedementos de reestruturación parcelaria, cun orzamento para o 2026 de 16,7 millóns de euros, case 4 máis que no 2025. Do mesmo xeito, Gómez fixo referencia ao Plan Camiña Rural, ao Plan de Regadíos e á novidade que suporá no vindeiro ano a dotación de 5 millóns de euros para promover servizos básicos en entidades de poboación. Esta nova liña de axudas irá destinada a mellorar a calidade de vida da poboación rural e investir directamente nos asentamentos rurais.
Calidade e apoio á produción segura
A calidade e o apoio á produción segura foi outro dos eixos debullados pola conselleira, quen fixo referencia a Galicia Calidade como referente neste sentido, e reafirmou o compromiso de Medio Rural coa promoción e difusión de toda esta riqueza, apoiando ao tempo o labor que fan os consellos reguladores.
Nesta liña, avanzou tamén que o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns de euros, dous máis que no exercicio anterior, e poranse en marcha mercados en diferentes cidades españolas para promocionar a calidade agroalimentaria galega. Ademais, seguiranse promovendo mercados de Artesanía Alimentaria en varias cidades e vilas da nosa comunidade, cunha versión estival que lle dará un papel protagonista a este selo de calidade diferenciada en zonas costeiras de veraneo.
Tamén haberá un novo programa de apoio para produtores de froitas e hortalizas, na liña de seguir impulsando a horta galega, ámbito no que Galicia quere seguir sendo un referente, remarcou a conselleira. Do mesmo modo, a sanidade animal e vexetal contará cun importante investimento, segundo explicou Gómez, así como os preto de 10 millóns de euros para seguros agrarios, entre outras partidas destacadas. Así mesmo, tamén cómpre destacar o incremento do 1,8% que experimenta o Fondo galego de garantía agraria (Fogga), que se encarga de levar a cabo os diferentes pagamentos asociados á Política Agraria Común (PAC).
Innovación e emprendemento
A conselleira apuntou que no 2026 se duplicará o orzamento para a titorización dos mozos e destinaranse uns 24 M€ para fomentar a incorporación ao agro. Asemade, intensificarase o apoio á transformación que levan a cabo as industrias agroalimentarias, cunha achega de 19,6 millóns de euros. Así mesmo, manterase o esforzo a través do Plan Leader, unha medida que acadará no 2026 os 15,5 millóns de euros.
A formación, a investigación, a innovación ou a dixitalización son outros retos que tamén atenderá a Consellería, tal e como subliñou a súa titular. Lembrou, neste sentido, a ampla oferta formativa e investigadora dos diferentes centros dependentes de Medio Rural e avanzou, de maneira destacada, que Galicia dará os primeiros pasos para a implantación dun novo laboratorio de seguridade biolóxica de nivel 3 no ámbito do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), principalmente para o estudo e control de enfermidades bacterianas e virolóxicas no ámbito gandeiro.
Precisamente, no marco do Plan de obras de Medio Rural, cómpre salientar que o investimento tanto en novas actuacións como en reformas de infraestruturas existentes superará os 18 millóns de euros, co fin de seguir prestando o mellor servizo a agricultores, gandeiros e silvicultores.
 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
										