Medio Rural porá en marcha en Baleira unha reestruturación parcelaria cun investimento de 1,75 millóns de euros

A conselleira María José Gómez presentou hoxe os detalles do proxecto de mobilización de terras que se impulsará na parroquia de Retizós, onde se prevé actuar en 1.661 parcelas propiedade de 178 titulares

O tamaño medio das parcelas é duns 4.500 metros cadrados, unha superficie que se pretende incrementar mediante este proceso co fin de aumentar a rendibilidade dos predios e favorecer o seu aproveitamento para a actividade agrogandeira

Aseverou que de cara o 2026 seguirá a apostarse por estes proxectos cun orzamento de 16,7 millóns de euros, case catro máis con respecto a este

Baleira (Lugo), 29 de outubro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe o concello lucense de Baleira para presentar os detalles da futura reestruturación parcelaria que se implantará na parroquia de Retizós cun investimento previsto de 1,75 millóns de euros. O procedemento abrirase proximamente coa publicación no Diario Oficial de Galicia da declaración de utilidade pública. Na presentación tamén participou o alcalde da localidade, Ángel Martínez-Puga.

Está previsto actuar nunha superficie de máis de 775 hectáreas que actualmente están distribuídas en 1.661 parcelas catastrais que ocupan un total de 755 hectáreas propiedade de 178 titulares. O tamaño medio das parcelas é duns 4.500 metros cadrados, unha superficie que se pretende incrementar mediante o proceso de reestruturación co fin de aumentar a rendibilidade dos predios, aclarou Gómez. Sinalou tamén os importantes beneficios que terá este instrumento para as sete explotacións censadas na parroquia, dedicadas maioritariamente ao vacún de leite, e que verán aumentada a súa base territorial e reducidos os seus custos de produción.

Así mesmo, estas ferramentas contribúen de xeito significativo a paliar o minifundismo na nosa comunidade, poñendo o foco na estrutura da propiedade, e a reducir o abandono de terras produtivas. A titular de Medio Rural aseverou que de cara o 2026 seguirá a apostarse por estes proxectos, no que se inclúe o inicio do desenvolvemento deste de Baleira, cun orzamento de 16,7 millóns de euros, case catro máis con respecto a este.

Lembrou que dende o 2020 se remataron 35 concentracións e que dende 2021 se decretaron 29. De feito, neste 2025 entregáronse os títulos das parcelarias de Xunqueira de Ambía e Oroso, e que se prevé facer entrega doutras zonas en breve.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025