A Xunta impulsa novas infraestruturas deportivas en Cedeira cunha achega de case 345.000€ a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou as instalacións do club de natación da vila, onde adestran deportistas locais como o triatleta Damián Suárez, ao que felicitou polos logros no Mundial de Ácuatlon 2025
Crearase un espazo especializado en tríatlon e remo para facilitar a práctica destas disciplinas, que teñen un importante peso na comarca
Cedeira (A Coruña), 30 de outubro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe Cedeira para coñecer o proxecto das novas instalacións deportivas que se prevén construír co apoio da Xunta. O Goberno galego achegará case 345.000 euros dun investimento de preto de 690.000, a través das achegas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.
O apoio da Xunta permitirá crear un espazo deportivo especializado en tríatlon e remo que permita desenvolver de maneira óptima estas disciplinas, cun importante peso na comarca, tanto polo número de persoas que as practican como polos resultados deportivos, segundo apuntou o conselleiro. Para iso, construirase un edificio de dúas plantas anexo ás instalacións deportivas existentes para complementalas con zonas de adestramento específicas de remo e de tríatlon. Contará tamén con outras instalacións complementarias como unha sala de musculación, vestiarios, sauna e zona de recepción.
O conselleiro lembrou que Cedeira conta con 11 atletas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel (DGAN) e varias entidades deportivas destacadas nas súas especialidades, como o Club de Natación, que encadea tres anos consecutivos no primeiro posto do Campionato de España de Natación, o Club de Remo ou o Club de Tríatlon, que tamén se beneficiarán das futuras instalacións. Diego Calvo sinalou a necesidade de dotar a estes deportistas dunhas instalacións adecuadas para a óptima práctica das súas actividades.
Durante a visita, o conselleiro aproveitou para felicitar a Damián Suárez polo éxito acadado no Mundial de Ácuatlon 2025, onde logrou a medalla de prata en categoría elite, e a de ouro na súa categoría, a júnior, no marco do World Triathlon Multisport Championships de Pontevedra. Saudou tamén a Irene Serantes e Carla Larrabeiti, compoñentes do equipo Delikia, recoñecido co galardón a Mellor Equipo Inclusivo no marco dos premios Deporte Galego.
A proposta de Cedeira foi un dos 19 proxectos beneficiarios da convocatoria da liña de apoio a proxectos estratéxicos, dotada con 8,5 millóns de euros. O conselleiro destacou que esta orde de axudas busca impulsar iniciativas que transcenden o ámbito municipal e contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos, así como transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo o deporte ou o medio ambiente. A elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.
Nas axudas de 2025 destacan as actuacións relacionadas con melloras e creación de instalacións deportivas. Así, ademais, do centro deportivo de Cedeira, tamén se creará un novo campo de fútbol de herba artificial en Toén, e dotarase o entorno do río Mao, en Bóveda, de instalacións para a práctica deportiva, entre outras actividades, para convertelo nun espazo de referencia comarcal de lecer activo e da práctica deportiva ao aire libre.
En canto á mellora de infraestruturas deportivas xa existentes, prevense melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza, e traballos de adecuación no pavillón de San Marcos, en Abegondo; no complexo deportivo Montegolf en Arteixo, que realizou petición conxunta coa Coruña e Culleredo; no complexo deportivo de Tarela, en Porto do Son; no polideportivo municipal do concello de Barbadás; no complexo deportivo Álvaro Pino de Ponteareas; así como as melloras das infraestruturas municipais deportivas presentadas polos municipios pontevedreses de Valga e Vilanova de Arousa.
Entre os proxectos estratéxicos beneficiarios na convocatoria deste ano, inclúense a maiores outras reformas na Casa Consistorial e na contorna do concello da Laracha, na Escola de Música de Silleda, na praza do Campo de Zas, no parque multiocio da Pesqueira de Mos, así como as rehabilitacións da sede da Mancomunidade de Ordes e do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés. A relación de iniciativas beneficiarias complétase coa mellora da estrada de Casoio a Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, e coa recuperación paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns, en Mondariz.
Compromiso cos concellos
Diego Calvo incidiu no compromiso cos concellos galegos mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.
No caso do concello de Cedeira, nos últimos anos recibiu máis de 2,3 M€ a través das distintas medidas de apoio da xunta ás administracións locais.
 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									