O presidente da Xunta mantivo reunións con directivos de Vodafone e Siemens en España
Rueda aposta pola colaboración público-privada para avanzar na transformación dixital de Galicia
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana dúas reunións cos máximos representantes de Vodafone e Siemens en España aos que trasladou a aposta do Executivo autonómico por promover a colaboración público-privada para avanzar na transformación dixital de Galicia e ampliar os servizos á disposición da cidadanía e as empresas.
Durante a súa reunión co Primeiro Executivo de Vodafone España, José Miguel García, Rueda trasladou o interese por reforzar a presenza da empresa no territorio e agradeceu a colaboración da entidade nun proxecto para mellorar a cobertura móbil en zonas illadas do rural. En concreto, Xunta, Federación galega de municipios e provincias e a empresa de telecomunicacións traballan de forma conxunta para dotar de cobertura móbil a 210 núcleos de poboación de 55 concellos galegos nos que residen máis de 5.200 veciños.
Por outra banda, o titular da Xunta mantivo outro encontro co novo conselleiro delegado e presidente de Siemens España, Fernando Silva, e co responsable territorial da empresa en Galicia, Javier Fernández, no que agradeceu a colaboración da entidade á hora de formar en competencias dixitais a alumnos e profesores -con diferentes actividades-, apoiar iniciativas educativas coma o certame Galicia Skills ou subministrar a última tecnoloxía á sanidade pública galega.