Medio Rural reforza os apoios para favorecer unha correcta xestión da biomasa nas faixas secundarias con 25 M€ para 2026
Duplícase o orzamento no convenio coa Fegamp e Seaga para axudar a concellos e particulares nas súas obrigas de xestión da biomasa
A conselleira María José Gómez lembrou que a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas “é de especial importancia” xa que favorece a protección da poboación e facilita o traballo do persoal de prevención e extinción
O novo convenio incluirá algunhas novidades, como o incremento de parroquias priorizadas ou a axilización dos trámites para a execución subsidiaria nas zonas máis urxentes
Poio (Pontevedra), 5 de novembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitou esta mañá o concello pontevedrés de Poio, onde salientou que o Goberno autonómico reforzará os apoios para favorecer unha correcta xestión da biomasa nas faixas secundarias, co aumento do orzamento destinado ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga, que pasa de 12 millóns este ano a 25 millóns para 2026.
Gómez lembrou que a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas “é de vital importancia” xa que favorecen a protección da poboación e facilitan o traballo do persoal de extinción de incendios forestais. Así mesmo, recordou que a xestión destas faixas é responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e que, se non cumpren coas súas obrigas, deberán encargarse os concellos de xeito subsidiario, tal e como recolle a Lei de incendios do ano 2007.
Neste sentido, e co obxectivo de axudar ás administracións locais e aos titulares das parcelas, púxose en marcha esta colaboración, na que de cara a 2026 se incluirán algunhas novidades para reforzar os apoios. Así, incrementarase o número de parroquias priorizadas, aquelas nas que os propietarios poden contratar os servizos de Seaga por un importe reducido.
Tamén se axilizarán os trámites para as execucións subsidiarias máis urxentes nas zonas de maior risco de incendios, na liña do recollido na Lei de medidas que acompaña os orzamentos do ano que vén; prestaranse máis apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e afondarase na creación de barreiras naturais coa plantación de frondosas, un traballo que xa estaba contemplado no actual convenio.
Actuacións concretas en San Xoán de Poio
Na parroquia de San Xoán de Poio realizáronse traballos preventivos no marco desta colaboración. Concretamente, e ao tratarse dunha parroquia priorizada, actuouse en 26 parcelas, a totalidade de predios contratados por titulares, que abranguen unha superficie de 8,66 hectáreas. A maiores, executáronse tamén preto de 23 predios de xeito subsidiario, cunha superficie de 1,15 hectáreas.
A prevención e extinción de incendios forestais “é unha prioridade” para o Goberno autonómico, cun compromiso que se reflicte nos orzamentos, asegurou a conselleira. No ano 2026 destinaranse 75,38 millóns de euros a prevención, un 50 % máis que en 2025, e 40,6 millóns para extinción.
A maiores, implementaranse melloras na rede de bases de unidades operativas e aéreas, como a remodelación da de Campiño. Reforzaranse tamén os medios aéreos, cuxo investimento ascende ata os 19,5 millóns de euros.