Tres proxectos de Lugo, A Coruña e Arbo, gañadores na categoría de videoxogos do Xuventude Crea 2025
As propostas ‘Kitty Witchy’, ‘Alta Costura’ e ‘After Juice: Animal Disco Mafia’ foron escollidas hoxe na final desta disciplina
A gala de entrega de premios desta edición, que consta de 16 especialidades, celebrarase o 19 de decembro na Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiu hoxe á cita na que se seleccionaron os proxectos gañadores para o certame Xuventude Crea 2025 na categoría de creación de videoxogos e na que se recoñeceron as iniciativas Kitty Witchy, Alta Costura e After Juice: Animal Disco Mafia de Lugo, A Coruña e Arbo (Pontevedra), respectivamente.
Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a todos os participantes pola “calidade e variedade” dos seus traballos e puxo en valor o interese que este certame esperta entre a mocidade. “Este ano celebramos a décimo sexta edición cunha gala que terá lugar o vindeiro 19 de decembro na Cidade da Cultura”, explicou antes de sinalar que desde o inicio deste programa pasaron por el “máis de 6.000 mozos e mozas con 4.000 proxectos”.
O primeiro gañador foi o equipo formado por Javier Mayor Pereira, María Lebón Real, Beatriz Turiel García, Sofía Marvizón Padilla e Iria Febrero Cadeñas e o seu videoxogo Kitty Witchy no que contan a historia dunha nena que debe enfrontarse á perda do seu gato Cosmo. A experiencia exprésase mediante quebracabezas, narrativa ambiental e cinemáticas en 3D que inclúen diálogos cos habitantes do Bosque.
A continuación recoñeceuse ao grupo co pseudónimo Mandril Estudios, da Coruña, con Alta Costura, unha proposta de acción en terceira persoa, ambientada nun mundo de fantasía escura onde unha boneca de trapo perde a súa caixa de voz e loita para recuperala.
Pola súa banda, o grupo co pseudónimo Virtual Seed, de Arbo (Pontevedra), resultou gañador por After Juice: Animal Disco Mafia, unha aventura gráfica en 3D ambientada nun mundo animal, onde o xogador encarna a Tofu, un hámster polimerizo na universidade que tras uns zumes ten que enfrontarse ao que lle depara a noite de Furrol.
A creación de videoxogos é unha das 16 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea, que este ano segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas.