A Xunta destina máis de 77.000 euros á modernización e dixitalización de sete áreas de servizo da área territorial de Pontevedra
O delegado territorial visitou unha das beneficiadas por esta liña de axudas que recibiu unha achega de 18.500 euros coa que adquirirá e instalará un xerador enerxético
Reguera aproveitou a visita para destacar o compromiso da Xunta co apoio aos pequenos e medianos empresarios do rural
Poio (Pontevedra), 6 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a área de servizo Redarse, no concello de Poio, que foi unha das beneficiadas polas axudas da Xunta para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo de ámbito rural.
En concreto, a empresa recibiu unha achega de preto de 18.500 euros que lle permitirá adquirir e instalar un xerador enerxético que lles proporcione electricidade en caso de emerxencia.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de sete empresas na área territorial de Pontevedra, por un valor de máis de 77.000 euros.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa modernización das empresas galegas e lembrou a necesidade de “seguir acompañando e axudando aos nosos empresarios para que poidan ser competitivos nun mundo cada vez máis orientado ao dixital”. Ademais, Reguera non perdeu a oportunidade de agradecer o traballo e a confianza de tantos pequenos e medianos empresarios que arriscan o seu patrimonio para crear riqueza, xerar emprego e, en definitiva, facer crecer Galicia”.