Román Rodríguez gaba o potencial do sector biotecnolóxico en Galicia que a consolida como un polo de innovación, coñecemento e investigación
O conselleiro de Ciencia inaugura o X Encontro de Mozos Biotecnólogos do Norte de España, Bionorth Santiago 2025, onde se amosa o potencial galego neste eido
Tamén participa no CiQUS na xornada Ciencia Singular organizada polos centros da Rede CIGUS na USC para dar a coñecer o seu traballo no eido da investigación
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gaba o potencial do sector biotecnolóxico en Galicia, que a consolida como un polo de innovación, coñecemento e investigación. Fíxoo en dúas citas do sector ás que acudiu esta mañá en Santiago: o X Encontro de Mozos Biotecnólogos do Norte de España, BioNorth Santiago 2025, e a novena edición de Ciencia Singular organizada polos cinco centros de investigación da Rede CIGUS na Universidade compostelá, cunha xornada portas abertas do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares). Ambas supoñen “unha oportunidade para amosar o potencial galego nunha área tan estratéxica como é a biotecnoloxía”, sinalou Román Rodríguez.
O representante do Goberno galego remarcou o “bo momento” que vive o sector biotecnolóxico en Galicia, con más de 1.700 profesionais dedicados a I+D biotecnolóxica, a maioría deles no eido da investigación, preto de 70 empresas e máis de 160 compañías que desenvolven servizos baseados nesta tecnoloxía.
O peso deste sector en Galicia, tanto no ámbito público como empresarial, queda avalado polo incremento do investimento en I+D en Galicia ata superar os 147 M€. Tamén en fitos como ser a segunda Comunidade onde máis firmas de biotecnoloxía se crearon. Para seguir impulsando o seu desenvolvemento, o Goberno galego conta coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025, a través da cal prevé mobilizar 662 millóns de euros para fortalecer o sector.
Punto de encontro para profesionais e estudantes
Organizado pola Asociación de Biotecnólogos de Galicia (GalBiotec) e pola Federación Española de Biotecnólogos (FEBiotec), BioNorth Santiago 2025 é un espazo de referencia para a comunidade biocientífica emerxente e serve como punto de encontro para que estudantes, investigadores e profesionais combinen formación científica e desenvolvemento de habilidades con oportunidades de networking e divulgación. É, como dixo o conselleiro de Ciencia, un encontro “clave para fortalecer colaboracións e dar a coñecer o talento mozo neste sector”.
Esta cita conta con charlas, mesas redondas, talleres e visitas, entre outras actividades. Entre os conferenciantes figuran a directora científica do CiMUS, Mabel Loza, que fala sobre O descubrimento de fármacos cos biotecnológos do futuro, ou o presidente do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), José Manuel López, que explica Cómo desfrutar da biotecnoloxía nas túas comidas e non morrer no intento, entre outros.
Portas abertas no CiQUS
Por outra parte, e con motivo da novena edición de Ciencia Singular organizada polos cinco centros da rede CIGUS na Universidade de Santiago de Compostela, Román Rodríguez achegouse ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) para participar na xornada de portas abertas que se leva a cabo anualmente coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia.
Este evento ten como obxectivo transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros punteiros en Galicia, dun xeito ameno e accesible, a través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas. Así pois, estes días os visitantes poden descubrir como se traballa en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física de partículas ou ciencias ambientais. Ademais, Ciencia Singular tamén procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás, polo que o programa inclúe actividades para o público máis novo.
Xunto co CiQUS, participan nesta xornada de portas abertas o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) e CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais. Todos eles, grazas á formar parte da Rede CIGUS da Xunta, reciben un investimento de preto de 13 M€ por parte do Goberno galego para o período 2024-27.