María José Gómez salienta a relevancia das feiras de maquinaria para achegar tecnoloxía punteira ao sector primario

A conselleira do Medio Rural participou esta mañá no acto de presentación da Feira Internacional de Maquinaria Agrícola de Zaragoza e avanzou que se afondará na colaboración con CIMAG-GANDAGRO, que se celebra en Silleda

Destacou que Galicia e Aragón comparten “un corazón agrícola e gandeiro”, conformado como “motor económico” en cada unha das comunidades

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá no acto de presentación da Feira Internacional de Maquinaria Agrícola (FIMA) de Zaragoza, que tivo lugar en San Caetano. Alí salientou a relevancia das feiras de maquinaria para achegar tecnoloxía punteira ao sector primario.

Esta presentación enmárcase na aposta pola colaboración entre FIMA e CIMAG-GANDAGRO que se organiza en Silleda para unir forzas e establecer vías de colaboración entre ambos eventos.

Neste acto, no que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Feira Internacional de Maquinaria Agrícola (FIMA), Fernando Cidraque; e pola directora general adjunta de Feria de Zaragoza, Ana Hernández, a titular de Medio Rural destacou que este tipo de certames son “espazos de encontro, de aprendizaxe e de intercambio de coñecemento” e poñen o foco nas últimas novidades en automatización, tecnoloxía, robotización ou agricultura de precisión.

Así mesmo, destacou que Galicia e Aragón comparten “un corazón agrícola e gandeiro”, conformado como un dos motores económicos en cada comunidade. Asegurou que estas feiras dinamizan o territorio, crean emprego e fan visible a importancia do rural.

Incidiu en que propiciar a cooperación entre FIMA e CIMAG-GANDAGRO é “moi positiva” porque cada un destes eventos nas súas zonas de influencia. A través desta colaboración poderase afondar na posta en común de coñecemento técnico e científico, atraer máis visitantes e expositores internacionais e impulsar novas oportunidades de negocio para as empresas do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025