A Xunta investirá máis de 28 M€ en 2026 para desenvolver a Estratexia de Inclusión Educativa
O conselleiro de Educación inaugura unhas xornadas de formación docente para tecer redes neste ámbito, coa participación de máis dunha trintena de asociacións
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, explicou hoxe que a Xunta vai investir máis de 28 M€ para desenvolver a Estratexia de Inclusión Educativa no ano 2026. Fíxoo co gallo das xornadas de formación docente Atendendo á diversidade na aula. Creando redes para a inclusión educativa, en cuxa inauguración participou esta mañá en Santiago.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceu o traballo de profesorado e centros para facer do sistema educativo galego o máis inclusivo do Estado. “Levamos moito feito, pero neste ámbito xorden sempre novos retos e novas necesidades, polo que tamén queda moito por facer”, afirmou o conselleiro, quen comprometeu que cos Orzamentos de 2026 o seu departamento “seguirá apostando por avanzar na inclusión educativa, sempre da man das entidades especializadas”, incidiu.
Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego está a impulsar medidas pioneiras neste eido “como a ponderación específica do alumnado con necesidades educativas especiais e a redución progresiva do número de estudantes por aula, o que permite unha atención máis personalizada e eficaz”. Ademais, destacou que o ensino galego “destaca tamén pola súa capacidade de detección temperá das necesidades educativas, a través dos diferentes protocolos existentes, o que facilita unha intervención máis eficiente e adaptada desde os primeiros anos de escolarización”, engadiu o conselleiro.
As xornadas, que se celebran na Cidade da Cultura, organizadas a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), contan coa participación das principais entidades que traballan a prol da atención á diversidade en convenio coa Consellería de Educación, máis dunha trintena de federacións e asociacións. Nos espazos expositivos instalados no recinto, así como nos seminarios que imparten ao longo do día, abórdanse cuestións como os trastornos da atención, da aprendizaxe, do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación e do espectro do autismo, así como a discapacidade intelectual, sensorial ou motórica ou as altas capacidades. Así mesmo, afóndase na saúde mental e física e na vulnerabilidade socioeducativa e cultural.