A Xunta convoca o concerto social para a xestión da Unidade de Primeira Acollida de nenos e adolescentes, situada en Barro
O orzamento é de 4,5 millóns de euros ata 2029, con posibilidade de prorrogalo seis anos máis
Amplíase a capacidade do centro ata as 11 prazas e refórzase o persoal
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia reforzará a Unidade de Primeira Acollida (UPA) de Barro, en Pontevedra, cun investimento de case 4,5 millóns de euros ata o ano 2029. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases do concerto social polo que se rexerá a xestión deste servizo, coa posibilidade de amplialo ata 2035, o que no caso de executarse estas prórrogas situarían o valor estimado do concerto en 17,4 millóns de euros
A UPA de Barro é o servizo de referencia na nosa comunidade para realizar acollementos residenciais de emerxencia cando se detecta algún caso de nenos ou adolescentes en desamparo. De feito, é o único de Galicia especializado na atención a menores que quedan en situación de desprotección grave e cuxa tutela ou garda asume a Administración autonómica. Así, a través desta unidade, actúase de xeito inmediato para facerse cargo deles ante situacións de máxima urxencia que aconsellen o seu ingreso nunha institución, en tanto se avalían as circunstancias nas que se atopan.
Na actualidade, este centro é xestionado pola entidade de iniciativa social Berce por medio dun contrato administrativo que remata a súa vixencia. O concerto social, ademais de darlle máis estabilidade ao servizo, permite aumentar a capacidade do centro unha praza máis, ata chegar ás 11; así como reforzar o persoal especializado co que conta: educadores sociais, psicólogos, persoal de apoio, etc.
A entidade do ámbito social que resulte adxudicataria deste concerto encargarase do aloxamento temporal dos nenos e adolescentes derivados a este servizo, en funcionamento as 24 horas do día os 365 días do ano; así como de proporcionarlles a atención, a educación e a formación axeitada. Tamén levará a cabo unha intervención individualizada con cada menor e, de ser o caso, coas súas familias de orixe.
As entidades interesadas neste procedemento teñen, a partir de mañá un mes de prazo para presentar as súas propostas, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.