A Xunta renovou o salón de actos do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba cun investimento próximo aos 44.000 euros
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que ademais das obras de acondicionamento substituíronse as 200 butacas por unhas novas
Vilalba (Lugo), 10 de novembro de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP renovou o salón de actos do Instituto de Educación Secundaria (IES) Santiago Basanta Silva de Vilalba cun investimento de 43.760 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, que supuxo unha modernización importante deste espazo, incluída a substitución das 200 butacas por outras novas.
Os traballos incluíron a reparación e pintado das paredes, melloras na zona do escenario, a renovación do chan e o cambio das portas de acceso.
En conxunto, “levouse a cabo unha completa actualización que permite contar cunhas instalacións máis cómodas e mellor acondicionadas para todos os actos que acolle o instituto ao longo do curso”, destacou Arias.
A intervención enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, promovido pola Xunta para modernizar os colexios e institutos galegos. No que respecta a Vilalba, Arias destacou entre as actuacións máis recentes a reforma da eficiencia enerxética do CEIP Terra Chá, cun investimento que rondou os 200.000 euros.
Así mesmo, salientou que cada verán realízanse “reformas máis pequenas pero fundamentais para o bo funcionamento dos centros”. No municipio vilalbés, a Xunta destinou preto de 38.000 euros a melloras eléctricas e outras reparacións en varios colexios e na Escola de Educación Infantil aproveitando as pasadas vacacións estivais.