A Xunta amosa as capacidades de Galicia en tecnoloxías cuánticas en Copenhague

O Goberno galego leva a Dinamarca os avances máis recentes neste eido como a nova liña terrestre ultrasegura que comunica Santiago de Compostela e Vigo

Copenhague (Dinamarca), 11 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia participa esta semana na Conferencia Europea de Tecnoloxías Cuánticas en Copenhague (Dinamarca). A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta cun stand para dar a coñecer a Rede galega de tecnoloxías cuánticas, da que forman parte máis dunha decena de entidades galegas que lideran o desenvolvemento destas tecnoloxías en campos como a computación, as comunicacións ou a sensórica.

Entre os avances máis destacados que se presentan figura a nova liña terrestre de comunicación cuántica que acaba de completarse unindo Santiago de Compostela con Vigo, a máis longa de España. A liña, de máis de 120 km, permite un fluxo de comunicación ultraseguro e proxecta estenderse e conectarse co resto da Unión Europea, como parte da nova infraestrutura EUROQCI.

Neste evento, organizado co gallo da  Presidencia de Dinamarca do Consello da Unión Europea e que congrega a preto de mil persoas, danse cita os actores máis relevantes no eido das tecnoloxías cuánticas, desde representantes políticos a investigadores, pasando por empresas de todo o mundo. O encontro permite establecer colaboracións con outras entidades, asistir a charlas especializadas e visitar os distintos stands onde se exhiben os últimos avances e aplicacións en tecnoloxías cuánticas.

Maior proxección exterior

A participación galega nesta cita enmárcase nunha dobre aposta do Goberno galego polas tecnoloxías cuánticas. Por unha parte, este é un dos ámbitos estratéxicos nos que a Comunidade ten unha longa traxectoria con potencial para competir a nivel internacional, e por outra parte, Galicia busca incrementar a súa proxección exterior nesta materia, visibilizando tanto as infraestruturas como o talento do que dispón.

No expositor, dáse a coñecer os principais avances nesta materia realizados no Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia. Neste hub están representadas 14 entidades: a Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), as tres universidades públicas galegas (Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña), Dihgigal, DataLife, os centros tecnolóxicos Gradiant, ITG, Aimen e CTAG, a Asociación Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos), o Cluster TIC e Fujitsu.

Esta acción forma parte do proxecto QUORUM: Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica, no que participa a Axencia Galega de Innovación xunto a Gradiant, o Cesga e FSAS Technologies (Fujitsu), ademais doutras entidades españolas. Trátase dun proxecto financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e conta con financiamento de fondos europeos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O evento coincide, ademais, co Ano Internacional da Ciencia e da Tecnoloxía Cuántica, establecido polas Nacións Unidas, e patrocinado entre outros pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2025