O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, clausurou a cerimonia de entrega dos VI Premios Zendal

Gómez Caamaño destaca o papel de Galicia como referente na aplicación do enfoque One Health para construír unha saúde máis segura, sostible e universal

Incide en que a saúde humana, a saúde animal e a saúde ambiental son inseparables

Salienta que a Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde acaba de volver ser recoñecida nos premios Sanidad #PorElClima

Felicita á doutora María Mayán, ao doutor Alejandro Brun e á doutora Ana Fernández, galardoados nesta edición dos Premios Zendal, e salienta que as súas traxectorias “son un exemplo de excelencia e compromiso”

Vigo, 11 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o papel de Galicia como referente en aplicar o enfoque One health de saúde integral para construír unha saúde máis segura, sostible e universal, xa que a saúde das persoas depende de todo canto nos rodea.

Así o sinalou na clausura da cerimonia de entrega dos VI Premios Zendal, celebrada en Vigo, na que tamén participaron a delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.

O conselleiro de Sanidade felicitou aos galardoados nesta edición e resaltou que as súas traxectorias son “un exemplo de excelencia e de compromiso”. En concreto, da doutora María Mayán destacou o seu extraordinario traballo no cancro de mama triplo negativo, exemplo da investigación galega de vangarda; do doutor Alejandro Brun, o seu labor en viroloxía animal, esencial, dixo, para garantir a saúde pública e global; e da doutora Ana Fernández, unha carreira que é sinónimo de liderado e rigor científico ao máis alto nivel.

“Estes tres nomes –incidiu-, dan forma a un mesmo relato de innovación responsable e de cooperación. Porque innovar non é só descubrir algo novo, é tamén entender mellor o que xa coñecemos e facelo accesible”, sinalou.

O titular de Sanidade remarcou que a saúde humana non se pode separar da saúde animal e da saúde ambiental e que Galicia comparte esta visión. Neste sentido, lembrou que a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde volveu ser recoñecida nos premios Sanidad #PorElClima polo seu labor de liderado fronte ao reto climático.

Ademais, os servizos de Inspección Veterinaria de Pontevedra, dependentes da Dirección Xeral de Saúde Pública, son pioneiros en España ao ser os primeiros en conseguir a acreditación de calidade ENAC para o control oficial de matadoiros e industrias agroalimentarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2025