A Xunta impulsa con case 118.000 € a mellora da eficiencia enerxética no edificio multiúsos de Frades

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a instalación para coñecer as actuacións executadas no marco da Orde plurianual de subvencións para obras de eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder

Tamén comprobou o equipamento adquirido de maneira conxunta entre Frades e Ordes para o servizo de protección do ambiente cunha achega do Goberno galego de 36.450 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental

Frades (A Coruña), 13 de novembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o edificio multiúsos de Frades para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta. As obras contaron cunha achega autonómica de case 118.000 euros ao abeiro da orde plurianual para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, dotada con 5 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder.

Os traballos centráronse na impermeabilización e no illamento da cuberta, na renovación das luminarias e equipos de iluminación interior, e na rehabilitación enerxética das instalacións térmicas, incluído o sistema de ventilación. Segundo explicou Natalia Prieto, a través desta convocatoria búscase facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.

A directora xeral lembrou tamén que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.

Por outra banda, Natalia Prieto comprobou o equipamento adquirido de maneira conxunta polos concellos de Frades e Ordes para o Servizo de protección do ambiente e do espazo natural, compartido por ambos os concellos e que contou cunha achega da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental de 36.450 euros. A dotación adquirida foi un vehículo todocamiño eléctrico, con distintivo ambiental cero emisións e equipado cun gancho de remolque.

Segundo indicou Natalia Prieto, os obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 11,2 millóns de euros, son o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nestas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso municipal, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico. A través do conxunto delas, o concello de Frades recibiu nos últimos anos preto de tres millóns de euros.

Ademais, Natalia Prieto salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais, xa que o apoio do Goberno galego permitiu no que vai de ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025