Medio Rural recoñece a aposta de Cuevas Marrón Glacé pola innovación e a transformación agroalimentaria

A conselleira María José Gómez visitou hoxe estas instalacións pertencentes ao Grupo Cuevas, que na década de 1980 se converteron en pioneiros na produción masiva desta elaboración doce con castañas

Gómez sinalou o liderado de Galicia no ámbito da castaña, ao estar consolidada como a principal rexión en exportación e produción deste alimento

San Cibrao das Viñas (Ourense), 13 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe Cuevas Marrón Glacé, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, onde salientou o compromiso do Grupo Cuevas pola innovación e a transformación de produtos agroalimentarios na nosa comunidade.

Durante o seu percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, recoñeceu o traballo desenvolvido por esta empresa dende a súa creación no ano 1944 e salientou a súa aposta decisiva polo Marrón Glacé, converténdose na década de 1980 en pioneira na produción masiva desta elaboración doce e outorgándolle valor engadido ás castañas. Así, na actualidade está plenamente consolidada na elaboración de produtos derivados da castaña, con presenza en máis de 30 países.

Neste sentido, destacou o liderado de Galicia neste ámbito, xa que aquí se producen máis da metade das castañas de todo o país e somos a principal rexión de España en produción e exportación deste alimento. Ademais, as empresas galegas, tanto de primeira como de segunda transformación, compiten internacionalmente.

De feito, a comunidade conta coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, un selo de calidade específico para esta produción, que conta cunha superficie inscrita de 1.397 hectáreas e 170 produtores adheridos.

Por parte do Goberno autonómico procúrase impulsar e aproveitar esta potencialidade a través da posta en marcha do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña. Este plan está constituído como unha folla de ruta para a recuperación dos soutos tradicionais e a dinamización dun recurso clave tanto para a economía rural como para a biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025