Medio Rural destinará no ano 2026 case 17 M€ para seguir avanzando nos procesos de reestruturación parcelaria da comunidade

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compareceu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento, onde avaliou o traballo levado a cabo polo Goberno autonómico neste ámbito e avanzou actuacións futuras 

Por outra banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal abordou o impulso da Xunta para o castiñeiro, constituída como unha das especies estratéxicas e recurso económico de primeira orde para o territorio galego

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria afirmou que a Consellería do Medio Rural está xa a traballar en medidas contra o desperdicio alimentario

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacou que Galicia tomou medidas preventivas para protexer á cabana gandeira galega dende o primeiro momento en relación á dermatose nodular contaxiosa

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025 A Consellería do Medio Rural destinará no ano 2026 arredor de 17 millóns de euros a procesos de reestruturación parcelaria na comunidade para consolidar o traballo desenvolvido ata o de agora e seguir avanzando no impulso destes instrumentos co fin de garantir un rural “vivo, produtivo e ordenado”. Así o reafirmou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento. 

Así mesmo, destacou as repercusións positivas que teñen estes instrumentos no medio rural galego. As reestruturacións parcelarias aumentan de forma directa a base territorial das explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, o que redunda nunha redución dos seus custos de produción, fixan poboación e reverten o abandono da terra agraria. Ademais, actualizan a titularidade da terra e favorecen a creación dun armazón viario moderno, mellorando o acceso aos predios e facilitando o tránsito de maquinaria. 

Dentro da aposta do Goberno autonómico por impulsar estas ferramentas, a directora xeral asegurou que na actualidade hai 70 procesos de concentración parcelaria activos, nos que o 70 % xa acadaron a fase de acordo e en 47 xa se deu a toma de posesión dos novos predios de substitución. Ademais, hai xa 23 zonas que están unicamente pendentes dos procesos de protocolización notarial. 

Asemade, sinalou que se está a traballar para acometer os traballos que permitirán acadar a fase das bases de reestruturación en 29 zonas entre os anos 2026 e 2027. Por outra banda, estase a levar a cabo a redacción dos proxectos de camiños principais que se atopan nun estado máis avanzado de tramitación.

Paz Rodríguez salientou tamén o traballo levado por parte da Xunta de Galicia nos últimos anos. Dende o 2020 entregáronse os títulos de propiedade en 35 zonas de concentración parcelaria que abranguen unha superficie aproximada de 24.067 hectáreas pertencentes a 18.942 propietarios, o que permitiu concentrar 184.700 parcelas en 39.985 predios de substitución, multiplicando por catro a superficie media, ao pasar de 1.303 metros cadrados a 6.019. Así, entre os anos 2021 e 2025 decretáronse 30 zonas de reestruturación que procuran a reorganización dunha superficie aproximada de 25.300 hectáreas. 

Fomento das plantacións de castiñeiro

Por outra banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, definiu o castiñeiro como unha das especies máis emblemáticas e estratéxicas do territorio galego, así como un recurso económico de primeira orde impulsado activamente polo executivo galego. 

Dentro deste compromiso, salientou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, enmarcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que recolle 36 actuacións centradas na planificación, a investigación, o apoio ao sector viveirista e o fomento da comercialización e mellora da competitividade. Entre as medidas máis salientables están a recuperación de plantacións de froito, a restauración de soutos tradicionais, a promoción da Indicación Xeográfica Protexida Castañas de Galicia e o impulso de novos proxectos empresariais vencellados ao sector. 

Así, Galicia conta con arredor de 50.000 hectáreas onde o castiñeiro é a especie predominante, e as cortas anuais desta especie acadan os 30.000 metros cúbicos, o que supón preto dun terzo do total nacional. Un dos avances máis relevantes realizados ao abeiro deste programa é o plan piloto de fomento da xestión conxunta de soutos, desenvolvido en áreas estratéxicas das provincias de Lugo e Ourense. Ata o momento creáronse cinco agrupacións forestais de xestión conxunta nestas zonas. 

Tamén se están a desenvolver actuacións complementarias como a reestruturación do souto de Vilar e traballos en soutos tradicionais de Parada de Sil. Ao longo do ano 2026 actuarase en San Pedro do Incio, en Lugo; e no Bolo, na provincia de Ourense. 

Xa para finalizar, agradeceu o labor que están a realizar as agrupacións de xestión conxunta que están a constituírse, e que están a aproveitar as ferramentas postas a disposición polo Goberno autonómico para apostar polo aproveitamento e recuperación do castiñeiro e afondar na profesionalización deste sector. 

Ao longo da súa intervención, José Luis Chan puxo en valor o Inventario Forestal Continuo de Galicia, como unha ferramenta pioneira en España que constitúe unha base técnica e científica sobre a que se poderán sustentar decisións futuras en materia de silvicultura e industria forestal. 

Por outra banda, asegurou que a recuperación e o fortalecemento das masas de coníferas é unha prioridade estratéxica da política forestal galega, como se establece no Plan Forestal de Galicia. Chan explicou que o enfoque da Xunta se basea nun modelo dual de investimento, que combina accións de expansión e resiliencia, como a forestación de novas superficies e a silvicultura e mellora das masas existentes, co fin de aumentar a resiliencia fronte a pragas e enfermidades como a banda do Pinus radiata e o nematodo do piñeiro. 

Medidas contra o desperdicio alimentario

Pola súa banda, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, afirmou que a Consellería do Medio Rural, despois da celebración da primeira mesa de traballo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, está xa a traballar na elaboración dunha estratexia contra o desperdicio alimentario.

Neste contexto, xa comezaron os labores de preparación, así como doutras actuacións complementarias a ela, como a elaboración de guía ou as instrucións de contratación pública co fin último de reducir os residuos e o desperdicio de alimentos, a prol da sustentabilidade e para a mitigación do cambio climático. 

Con todo, recordou que Galicia xa conta cun Programa de loita contra o refugallo alimentario e que entre os anos 2018 e 2019 se desenvolveu un estudo de diagnose sobre a prevención da xeración de residuos e a redución do desperdicio alimentario nas entidades locais. 

Medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

Ante unha pregunta sobre a dermatose nodular contaxiosa, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, afirmou que por parte da Consellería do Medio Rural se implementaron “dende o primeiro momento” medidas preventivas para protexer á cabana gandeira galega. Así, lembrou que hoxe mesmo se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola cal se prorroga a vixencia destas medidas de prevención ata o 30 de novembro. 

José Balseiros reclamou de novo a necesidade de que o Goberno central defenda ante a Unión Europea unha vacina marcada preventiva ante a dermatose nodular contaxiosa; así como medidas homoxéneas que lle dean certezas e seguridade ao sector agrogandeiro. 

Data de actualización: 14/11/2025