O Servizo Galego de Saúde licita por máis de 157.000 € o subministro de reactivos para a detección de metabolitos de droga
As substancias a detectar son, entre outras, anfetaminas, éxtase, cocaína, metadona, cannabis ou benzodiacepinas
Destinaranse a 17 unidades de atención á drogodependencia nas que se ofrece diagnóstico e tratamento de trastornos adictivos
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas nesta contratación remata o 1 de decembro
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 157.183,84 euros e por un período de 12 meses, do subministro de reactivos e do material necesario para a detección de metabolitos de drogas en urina.
Nas unidades asistenciais de drogodependencias ofrécense intervencións destinadas ao diagnóstico e tratamento dos trastornos adictivos, así como a prevención e o tratamento de comorbilidades psiquiátricas e físicas. Tamén se traballa na educación en saúde, hábitos de vida saudables e a promoción do autocoidado.
Dentro das prestacións ofrecidas por estes dispositivos asistenciais está a detección de metabolitos de drogas e alcohol en urina. Estas determinacións son necesarias por diversos motivos, como o establecemento dun plan de intervención individualizado, a valoración da adherencia ao tratamento e o correcto seguimento de pacientes que levan a cabo un tratamento como medida substitutiva de penas privativas de liberdade ou con medidas xudiciais para a súa rehabilitación e reinserción social.
As substancias que se pretenden detectar cos reactivos e material recollido neste contrato son, entre outras, opiáceos, etil glucurónido, anfetaminas, éxtase, cocaína, metadona, cannabis ou benzodiacepinas.
Destinaranse ás unidades asistenciais de drogodependencia emprazadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga na Coruña (Aclad), Alborada en Vigo, a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) e Cruz Vermella Lugo.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 1 de decembro para presentar as súas ofertas.