A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle a charla da piragüista Tania Fernández no ciclo ‘Luz ao deporte’
Lugo, 18 de novembro de 2025
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a charla da piragüista Tania Fernández no marco do ciclo Luz ao deporte, que organiza a Fundación Breogán co apoio do Goberno galego. Contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias, e o director da entidade organizadora, Luis Abel Taboada, entre outros.
A iniciativa, na que tamén colabora Abanca, busca inculcar os valores do deporte aos mozos e mozas lucenses, que teñen a oportunidade de escoitar en primeira persoa as experiencias e vivencias relatadas por deportistas e exdeportistas de primeiro nivel.
A palista lucense compartiu as súas experiencias deportivas cun auditorio formado por estudantes do CEIP Anexa, o CEIP de Nadela, o CIFP Politécnico, o CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lorenzo.
Tania Fernández adestra no Kayak Tudense logo dunha exitosa primeira etapa no Club Fluvial de Lugo. Xunto con Tania Álvarez, proclamouse campioa na modalidade de K2 no Mundial de Maratón de Hungría o pasado mes de outubro, revalidando un título que xa lograran no 2022. Ademais, desde o 2018 gañou outras tres medallas de prata e un bronce neste campionato así como unha prata e un bronce no Europeo.