A delegada da Xunta en Ferrol participa na inauguración do mercadiño de nadal de Manos Unidas
Ferrol, 20 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na inauguración oficial do mercadiño de Nadal que, con carácter benéfico, organiza cada ano a delegación de Manos Unidas Mondoñedo-Ferrol no marco da Campaña contra a Fame. A finalidade do mesmo é recadar fondos para apoiar os proxectos sociais e de cooperación internacional que a entidade leva a cabo en diferentes lugares do mundo.
Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o labor de Manos Unidas que puxo de exemplo de como “o esforzo colectivo pode marcar a diferenza” e animou aos presentes a colaborar co proxecto. “A través do traballo de Manos Unidas estamos a aportar o noso pequeno grao de area na loita contra a pobreza, a desigualdade e a exclusión social”, asegurou.
O mercadiño de Nadal de Manos Unidas poderá visitarse ata mediados do próximo mes de decembro no número 48 da rúa Magdalena en horario de 11,00 a 13,30 e de 17,00 a 20,00 horas.