A Xunta publica as subvencións concedidas por máis de 1,3 M€ para 46 programas sociosanitarios no ámbito dos trastornos mentais e das adiccións

As axudas, recollidas no Diario Oficial de Galicia de hoxe, están destinadas a programas psicosociais de prevención das adiccións, de fomento da empregabilidade ou de prevención do suicidio

Tamén se publican as subvencións concedidas a 28 programas de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con enfermidades neurodexenerativas ou trastorno do espectro autista, entre outras

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. 

O importe total das axudas concedidas é de por importe total de 1.350.000 euros. Así, con respecto ao pasado ano, o Executivo galego incrementa nun 11,8 % (143.057 €), o orzamento consignado para o desenvolvemento deste tipo de actividades. 

En primeiro lugar, dispúxose dunha liña de axudas concedidas a 10 entidades para financiar proxectos de investimento de melloras para os centros sanitarios cuxa actividade asistencial principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais en materia de trastornos mentais, incluídos os trastornos adictivos.

Esta convocatoria tamén posibilita levar a cabo 16 programas de intervención comunitaria destinados a aquelas persoas que padezan trastornos de tipo mental. 

A terceira das liñas, que financiará 4 proxectos, está vinculada á realización de programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital, así como á prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións. 

Ademais, son obxecto de axudas 4 programas de incorporación social e fomento do emprego para as persoas con trastornos mentais.

Por último, contribúese á realización de 12 programas de prevención do suicidio. 

O Executivo galego anticipará ás entidades beneficiarias o 100 % destas axudas, posibilitando a súa xustificación con posterioridade á realización das actividades.

Subvencións a 28 programas sociosanitarios

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia de hoxe tamén publica a concesión, por parte da Consellería de Sanidade, das subvencións para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario.

A Xunta destina un orzamento de 300.000 euros ao financiamento destas axudas. 

Foron concedidas 11 subvencións no ámbito das enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencia e párkinson), 6 en trastorno do espectro autista, 5 en dano cerebral adquirido, parálise cerebral e epilepsia e 6 en enfermidades raras, linfedema e síndrome de Down.

A finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Os programas subvencionables son de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico, destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás enfermidades referidas.

Data de actualización: 20/11/2025