A conselleira do Medio Rural participou na inauguración do Salón Xantar en Ourense

María José Gómez pon en valor o turismo e a gastronomía como “aliados fundamentais” para o agro galego

A titular de Medio Rural cualificou o evento como unha cita ineludible tanto para os profesionais como para o público en xeral e destacou a presenza da Consellería no salón, cun espazo de 140 m² e 19 actividades diferentes, entre catas e degustacións

Pola súa banda, a Consellería do Mar tamén estará presente cun stand institucional onde se levarán a cabo degustacións de produtos do mar

Turismo de Galicia participa cun espazo de deseño no que promocionará os recursos turísticos, especialmente os relacionados coa enogastronomía

Ourense, 20 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que o turismo e a gastronomía son uns “aliados fundamentais” para o agro galego, na medida en que “contribúen a fixar poboación e permiten que o noso rural siga medrando e prosperando”. Foi na súa intervención durante a inauguración da 26º edición de Xantar, Salón internacional do turismo gastronómico, que ten lugar desde hoxe e ata o vindeiro domingo en Ourense e no que a Xunta de Galicia está moi presente grazas ao impulso de varios departamentos.

A conselleira cualificou este evento, que se desenvolve en Expourense, como “unha das citas ineludibles” para os profesionais da gastronomía e do turismo, pero tamén para os miles de visitantes se achegan ao salón. Engadiu que Xantar permite aos participantes sentirse como verdadeiros “críticos culinarios por uns días” e, sobre todo, degustar pratos e produtos espectaculares nun mesmo espazo.

Nesta liña, Gómez resaltou tamén a presenza da Consellería en Xantar, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que conta no salón cun espazo de deseño propio de 140 mcon aula de catas e degustacións e un túnel de viños, licores e augardentes tradicionais de Galicia.

 Neste espazo celebraranse durante todo o certame ata 19 actividades diferentes (talleres, catas e degustacións) que permitirán poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada. Uns produtos dos que a conselleira dixo que “non só destacan pola súa calidade, xa que teñen personalidade, historia e un valor engadido que fai que a experiencia turística e gastronómica sexa única e inesquecible”. Neste mesmo sentido, valorou que esta oferta agroalimentaria reforza o xeito de entender Galicia Calidade, unha forma de ser e de facer recoñecida e respectada dentro e fóra das nosas fronteiras, remarcou.

Recoñecemento aos profesionais

Asemade, Gómez fixo un recoñecemento a todos os profesionais dos sectores agroalimentario, hostaleiro e da restauración, que definiu como os “verdadeiros artífices deste éxito” e que converten Galicia nun destino de referencia. Así, a nosa comunidade acada unha proxección internacional “que resulta clave nun mundo cada vez máis globalizado, onde competimos con destinos de todo tipo”. Deste xeito, engadiu que apostar pola promoción e pola calidade é fundamental para consolidar a presenza galega e reforzar a reputación do noso territorio no exterior, algo que no que vén traballando a Xunta, no marco do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que o ano que vén incrementa dous millóns, ata os dez, o seu orzamento.

Ademais, en Xantar, o Goberno galego conta con outros postos, entre eles un específico

sobre economía social no que os visitantes poden coñecer proxectos deste eido relacionados coa industria alimentaria. En concreto, nel expoñen os seus produtos: Distribuciones A Moenda, Bodegas Jesús Nazareno, Barbudos, Tres Fuciños, Productores del Campo de Capela e Condado Paradanta.

Pola súa parte, Turismo de Galicia participa cun stand de deseño no que promocionará os recursos turísticos, especialmente dos relacionados coa enogastronomía. A Xunta apoia así unha iniciativa galega totalmente consolidada á que asisten os destinos más próximos, pero tamén de España, Portugal e América Latina.

Produtos do mar

O peixe e marisco galegos estarán moi presentes neste evento da man da Consellería do Mar, que levará a cabo un amplo programa de actividades con catas de produtos pesqueiros galegos da man de prestixiosos profesionais da cociña no marco da campaña GALICIA SABE AMAR. O mexillón certificado pola Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, a pescada do pincho de Burela, o bonito do norte, o rodaballo ou as algas serán algúns dos protagonistas. A estes alimentos sumaranse outros procedentes da pesca artesanal e identificados co  selo PescadeRías, de onde senón?, que pon en valor a calidade e sabor dos produtos do mar de proximidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2025