O investimento en I+D volve medrar en Galicia ata acadar a cifra record de 1.058 M€

Galicia sube case un 10% fronte ao 7% do conxunto do Estado, segundo o informe ‘Estatística sobre actividades de I+D do 2024’ do Instituto Nacional de Estatísticas

Este crecemento supón un aumento de 95M€ con respecto o ano anterior

A Comunidade logra escalar un posto no ránking de autonomías que máis gasto destinan a I+D, converténdose na sexta rexión que máis inviste

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

Galicia continúa incrementando o seu gasto en I+D: o investimento galego neste eido volve medrar ata acadar a cifra récord de 1.058 M€. Así se indica no informe Estatística sobre actividades de I+D do ano 2024, publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. Este incremento supón un crecemento de case un 10%, superior ao do conxunto do Estado que foi de case o 7%.

Isto supón que o gasto en I+D aumenta 95 M€ con respecto ao ano anterior (2023), uns datos que evidencian a aposta pola investigación e a innovación. De feito, a Comunidade escala un posto, superando a Castela e León, no ránking de autonomías que máis invisten en ciencia. Convértese, así, na sexta rexión con maior investimento neste eido.

Estes bos resultados son tamén mostra da aposta decidida da Xunta de Galicia pola I+D+i e por converter Galicia nun territorio de referencia. A ciencia é unha prioridade para o Goberno autonómico como se pon de manifesto en políticas públicas como o Plan galego de investigación e innovación 25-27, a folla de ruta para impulsar a I+G+i.

Segunda rexión con máis crecemento feminino

No que respecta ao persoal, o número de mulleres dedicadas á I+D tamén se incrementa con máis forza en Galicia que no conxunto do Estado con respecto ao ano anterior, nun 1,95% fronte o 0,53% de España. Ademais, Galicia posiciónase como a segunda rexión cun maior crecemento de mulleres investigadoras, só por detrás da Rioxa.

Data de actualización: 20/11/2025