A Xunta aposta por promover o deporte para mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación galega
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa na xornada Exercicio físico e cancro, organizada pola Universidade da Coruña e a Administración autonómica no marco da Cátedra SXD Galicia Activa
Diego Calvo sinala a importancia da actividade física como ferramenta clave na prevención, tratamento e recuperación de persoas con cancro
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na xornada Exercicio físico e cancro, organizada pola Universidade da Coruña (UDC) coa colaboración da Xunta. Trátase do sexto encontro organizado no marco na Cátedra SXD Galicia Activa, a través da que ambas as institucións colaboran para promover o intercambio de experiencias no ámbito da actividade física e a saúde, promovendo a transferencia científica e a formación de profesionais que contribúan a incrementar os estilos de vida activos da poboación galega.
Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na importancia do exercicio físico como ferramenta clave na mellora da saúde e a calidade de vida e, en concreto, na prevención, tratamento e recuperación das persoas con cancro. Así, engadiu que este evento reforza o compromiso de Galicia “cun modelo de saúde integral no que o deporte se consolida como aliado esencial” fronte a esta patoloxía.
A xornada de hoxe nace precisamente co propósito de crear un espazo de encontro entre profesionais da saúde, da investigación e do deporte, no que compartir evidencias, experiencias e avances sobre os beneficios da actividade física para mellorar a calidade de vida, reducir secuelas e favorecer a supervivencia. Deste xeito, preténdese achegar coñecemento actualizado e práctico, fomentar a colaboración entre institucións e visibilizar proxectos pioneiros no ámbito da oncoloxía clínica e pediátrica.
Contido da xornada
Sobre as experiencias do exercicio físico no cancro intervén na xornada o catedrático na Universidade Rei Xoan Carlos en Madrid e director do Centro de Investigación en Ciencias do Deporte (CIDE) Alfonso Jiménez. Pola súa banda, a doutora en biomedicina Carmen Fiuza aborda como inflúe o exercicio físico na oncoloxía pediátrica, e o doutor en medicina e cirurxía Manuel Avelino Giráldez explica como repercute na redución da toxicidade cardiovascular. Ademais, Alberto Soriano, catedrático na Universidade de Almería, presenta o proxecto Efican (exercicio físico e cancro) que dirixe co obxectivo de elevar os niveis de forza e reducir a fatiga en pacientes de cancro de mama.
A xornada complétase cunha mesa redonda con experiencias e testemuños de persoas que de xeito directo foron pacientes oncolóxicos sendo deportistas de alto nivel, como é o caso do exciclista profesional Jesús Cobelo e tamén profesionais implicados no deseño, a promoción e o acompañamento de intervencións específicas, como o doutor en biomedicina Javier Courel ou o que foi adestrador do Club Auga Dragon Boat, Pablo Tenreiro.
Plan Galicia Saudable
O conselleiro referiuse tamén ao Plan Galicia Saudable, posto en marcha pola Xunta para fomentar un estilo de vida activo que beneficie a saúde da poboación galega. Nesta liña, salientou como fitos a creación de Plataforma Dafis, que valora a condición física dos escolares de 6 a 16 anos e da cidadanía en xeral e o programa Adestra a túa saúde, dirixido a promover o exercicio físico entre maiores de 60 anos.