A Xunta destaca o papel do Lar Gallego de Chile e do Estadio Español como símbolos de unión e compromiso coa colectividade do exterior
No marco da viaxe institucional a Chile, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do 58º aniversario do Lar Gallego de Chile, entidade referente da cultura galega en América Latina
Tamén asistiu ao concerto da artista galega Lucía Pérez con motivo do 75º aniversario do Estadio Español de Las Condes, destacando o papel central que desempeña desde hai décadas como espazo de encontro para a colectividade española
Santiago de Chile, 23 novembro de 2025
No marco da viaxe institucional a Chile, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do 58º aniversario do Lar Gallego de Chile, unha das entidades máis activas da colectividade galega no país andino, e asistiu ao concerto da artista galega Lucía Pérez con motivo do 75º aniversario do Estadio Español de Las Condes.
Durante o acto do Lar Gallego de Chile, no que tamén se realizaron actuacións dos grupos de gaitas e baile da entidade, Miranda puxo en valor o labor que esta institución vén desenvolvendo desde 1967 na promoción da cultura e da lingua galegas, así como na transmisión do sentimento de pertenza ás novas xeracións. O secretario lembrou que a maioría das actividades desenvólvense dentro das instalacións do Estadio Español que neste ano tamén está na celebración do seu 75º aniversario e no que Galicia tamén participa de maneira activa para agradecer todo este tempo de acollemento.
O responsable da Secretaría Xeral da Emigración destacou que o Lar Gallego de Chile representa o espírito da galeguidade: unha comunidade unida, comprometida e orgullosa das súas raíces que, mesmo a miles de quilómetros, segue facendo país. Miranda agradeceu o esforzo da súa directiva e socios por manter viva a presenza de Galicia en Chile a través de múltiples actividades culturais, formativas e sociais, e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir acompañando a todas as entidades galegas do exterior no seu labor de difusión da nosa identidade e apoio ás persoas emigrantes e retornadas.
O Lar Gallego de Chile mantén ao longo do ano unha intensa actividade que inclúe clases de gaita e baile tradicional, obradoiros de lingua galega, celebracións do Día das Letras Galegas e do Día de Galicia, ademais de encontros gastronómicos e culturais abertos á sociedade chilena. Grazas a este labor constante, a entidade converteuse nun auténtico punto de encontro interxeracional que une á colectividade galega e proxecta cara ao exterior a imaxe dunha Galicia viva, moderna e orgullosa da súa herdanza.
75º aniversario do Estadio Español
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tamén salientou en Santiago de Chile o papel central que o Estadio Español desempeña desde hai décadas como espazo de encontro, acollida e dinamización cultural para a colectividade española, e moi especialmente para a galega. Recordou, ademais, que esta entidade celebra o seu 75º aniversario, unha efeméride na que Galicia participa activamente para recoñecer tanto tempo de hospitalidade, colaboración e acompañamento ás nosas comunidades, segundo expresou.
No marco das actividades que se desenvolven nas instalacións do Estadio Español, Miranda asistiu ao concerto da artista galega Lucía Pérez, que reuniu a numerosos membros da colectividade e público local. O responsable autonómico destacou o labor da cantante como embaixadora da nosa cultura e agradeceu a todas as entidades galegas de Chile o seu traballo constante para manter viva a identidade galega, reforzar os vínculos coa diáspora e proxectar Galicia no conxunto de América Latina.