O Servizo Galego de Saúde publica as puntuacións provisionais da fase de concurso de sete procesos selectivos para 236 prazas de persoal estatutario fixo
Superaron a fase de oposición 1.005 aspirantes
A categoría con maior número de prazas ofertadas é a de técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, con 121
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario nos que se ofertan 236 prazas.
En concreto, 43 corresponden á categoría do grupo auxiliar da función administrativa (en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual); 9 á categoría de grupo técnico da función administrativa (4 de acceso libre e 5 de promoción interna); e 26 ao grupo de xestión da función administrativa (12 de acceso libre, 13 de promoción interna e 1 de discapacidade xeral).
En canto ás categorías de técnicos superiores, 8 corresponden á categoría de anatomía patolóxica e citoloxía (4 de acceso libre e 4 de promoción interna); 16 a dietética (7 de acceso libre, 8 de promoción interna e 1 pola quenda de discapacidade xeral); 13 a documentación sanitaria (5 de acceso libre, 7 de promoción interna e 1 praza pola quenda de discapacidade xeral); e 121 á laboratorio de diagnóstico clínico (54 de acceso libre, 61 de promoción interna e 6 pola quenda de discapacidade xeral).
Na fase de oposición, aprobaron 92 aspirantes do grupo auxiliar da función administrativa, 2 do grupo técnico da función administrativa, 183 do grupo de xestión da función administrativa, 43 de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 321 de dietética, 8 de documentación sanitaria e 356 de técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico.
As listas coas puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición atópanse publicadas á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, cada aspirante poderá consultar o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Contra os resultados da baremación provisional, poderán presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir do 25 de novembro ao 9 de decembro de 2025.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.